Obxectivo: “A Pedra Seca” Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO

A nova lei do Patrimonio Cultural de Galicia, en vigor desde agosto de 2016, asume as determinacións da Convención para a a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

O patrimonio inmaterial está constituído polo conxunto dos usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades ou mesmo os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Entre elas, as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

A técnica da construción coa pedra en seco

A técnica tradicional da construción coa pedra en seco (sen masa de unión ou asentamento) conforma, sen dúbida, un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe.

O coñecemento do material, o desenvolvemento dos procesos axeitados para a súa selección e transporte e a habilidade para a construción de estruturas estables e permanentes posúen unhas características propias e recoñecibles, ademais de posuír unha beleza estética propia do tectónico e o creativo.

Para identificar inicialmente o alcance da técnica e o seu estado actual, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mantivo contactos con canteiros profesionais que manteñen na actualidade o coñecemento da técnica tradicional, coa Escola de Canteiros de Pontevedra e con profesionais e responsables da protección do patrimonio cultural de varias comunidades autónomas. O contexto desta recompilación global de datos  foi a preparación dunha candidatura internacional para incluír a técnica na lista de manifestacións relevantes do patrimonio cultural inmaterial da Unesco. A información relativa a esta figura de protección pode consultarse en http://www.unesco.org/culture/ich/es/inicio

A técnica tradicional da construción coa pedra en seco é un exemplo significativo das formas de vida tradicionais en Galicia e constrúe a súa paisaxe. Para os efectos de promover o estudo e a documentación da técnica e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión para o público coñecemento e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que se conservan, decidiuse incorporala, como primeiro paso, ao Censo do Patrimonio Cultural de Galicia, tal como pode consultarse en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160929/AnuncioG0164-210916-0002_gl.html

Información sobre a técnica da pedra en seco

Entre as medidas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial dirixidas a garantir a súa viabilidade, ademais da identificación, están a documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

Por este motivo, considérase de especial interese toda a información que calquera persoa poida achegar sobre ela, especialmente con portadores do saber e coñecemento como de experiencias relacionadas coa súa actividade, así como a recollida dos procesos, denominacións, termos, lugares, obxectos que conforman o seu soporte material.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ten habilitada unha conta de correo electrónico proteccion.patrimonio.cultural@xunta.gal na que calquera persoa interesada pode achegar a información que considere de interese para favorecer súa a salvagarda e difusión, identificada co asunto “Pedra en seco”. Toda a información relevante será asociada ao expediente e posta á disposición de calquera persoa interesada.

A través deste enderezo electrónico, as persoas que o desexen, poden tamén ofrecer o seu apoio por medio de cartas persoais nas que se dea o consentimento explícito para que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural as inclúa no procedemento de solicitude de inclusión da técnica tradicional da construción coa pedra en seco na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO, co obxecto de acadar tal recoñecemento.

Fonte: Cultura Xunta de Galicia

Comparte!!!

Relacionados