O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, avogou polo enoturismo como “unha oportunidade para dármonos a coñecer e presentarlle ao resto do mundo a nosa cultura, paisaxes e xentes”. Así o sinalou con motivo da presentación na nosa cidade do último informe do Foro Económico de Galicia: “Planificación e proxección do sector vitivinícola de Galicia: Realidade, desafíos e retos”.
Os autores do estudo, José Francisco Armesto e Patricio Gómez, foron os encargados de repasar os desafíos aos que se enfronta este sector nun acto que tamén contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, quen incidiu na necesidade de aumentar o tamaño das explotacións e na xeración de sinerxías con outros eidos como o turismo e a gastronomía.
Na súa intervención, o alcalde de Ourense destacou o importante peso da produción vitivinícola na nosa provincia, “que conta con catro das cinco denominacións de orixe galegas” e na que “case todo o mundo ten unha especial relación con este sector produtivo”.
Por este motivo saudou a oportunidade de “coñecer as debilidades ás que ten que facer fronte, co obxectivo de que siga sendo un dos motores da nosa economía”. Así, Vázquez Abad recordou que a viticultura galega “ten que darlle resposta aos intensos cambios que se están a producir a nivel global”, como a aparición de novos competidores como EE.UU., Arxentina ou China.
Neste sentido, sinalou que “a enorme calidade do noso produto ten que vir acompañada de ambiciosas campañas de promoción e de exportación, que fagan que os nosos caldos sexan referente de calidade extrema”.
Pero na súa intervención o rexedor destacou a especial vinculación da produción vitivinícola coa nosa provincia e as oportunidades que ofrecen as catro denominacións de orixe para impulsar outros sectores como o Turismo. “Viño e viñedos son unha tarxeta de visita que entra polo paladar, pero que conquista a calquera que se achegue a coñecernos”, dixo.