Ourense implanta a ‘historia social única electrónica’

Ourense será a primeira grande cidade galega en adherirse ao convenio de colaboración entre a Amtega, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para implantar a historia social única electrónica (HSUE). Trátase dun conxunto de información e documentos en formato electrónico que conteñen os datos, as valoracións e as informacións sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias dos servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación de profesionais e dos servizos ou prestacións que interviñeron sobre estas persoas.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, considera “que é un deber da administración adaptar as novas tecnoloxías da información e da comunicación á fin de poder optimizar os recursos, tamén a nivel asistencial”. Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais, búscase mellorar a eficiencia dos servizos sociais para incrementar a cobertura dunha demanda en aumento.

Un documento para todo o proceso

A HSUE permitiralle ás persoas que traballen nos servizos sociais dispor dunha visión global e integrada de toda a información social das persoas usuarias, e tamén das ferramentas para explotar e analizar esa información co fin de aplicalas no eido preventivo. Tamén facilita o acceso da persoa usuaria ao seu expediente. Con esta ferramenta intégrase nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social da persoa e facilita a coordinación entre todos os axentes que participan na prestación de servizos sociais.

Este historial deberá ser único por persoa usuaria do sistema galego de servizos sociais, e deberá conter, ademais, a necesaria información para documentar os procesos de intervención social. A apertura da HSUE realizarase nos servizos sociais comunitarios de primeiro nivel.

Comparte!!!

Relacionados