Pontevedra ocupará a secretaría deste novo colectivo que busca desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.
Pontevedra é un dos 15 concellos que dende hoxe constitúen a Asociación de entidades locais pola lingua que ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. A sinatura formal deste novo colectivo integrado, tamén, por Santiago, A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Moaña, Vilagarcía, e Rois, celebrouse hoxe no Pazo de Raxoi.
Na asemblea fundacional acordouse que a presidencia da Asociación recaerá en Rianxo, a vicepresidencia no Concello do Grove, Pontevedra ocupará a secretaría e Ames a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago serán ocuparán as tres vogalías da entidade.
A fundación da Asociación responde á necesidade de coordinar e desenvolver conxuntamente accións para promover e dinamizar o uso da lingua galega, tal e como o Servizo de Normalización Lingüística do Concello vén facendo dende o ano 2011, coordinándose puntualmente cos servizos de normalización doutras entidades locais para colaborar no deseño, posta en marcha, desenvolvemento, xestión, seguimento e avaliación de distintos programas de normalización lingüística.
Nestes anos, puxéronse en marcha algúns proxectos colaborativos tales como Apego, Youtubeir@s e Club de Debate, que se mantiveron ata o momento grazas a unha coordinación voluntariosa que pasará a ser formal grazas a esta plataforma. Actualmente hai en marcha outros programas que son de interese para Pontevedra como Enreguéifate, para o que o deseño e o funcionamento xa están establecidos, polo que xa hai moito traballo adiantado do que o Concello de Pontevedra se beneficiaría
Entre as vantaxes xerais que suporá esta adhesión, están o reforzo dos obxectivos dos programas e a maior difusión dos mesmos, a rendabilización de recursos públicos e a mellora na xestión do traballo mediante o reparto de tarefas. Todo isto permitirá tamén o desenvolvemento de proxectos que soborden o ámbito municipal e incentiven a participación da poboación, aumentando a consecución dos obxectivos do traballo a prol da lingua, prestixiando a percepción social da mesma.