O Concello de Pontevedra acordou imputar o proxecto de iluminación das pontes sobre o Lérez a un convenio coa Deputación provincial, que foi aprobado esta mañá na Xunta de Goberno da institución. O proxecto ten un custe de 363.681,86 euros e incluirá as pontes das Correntes, Tirantes e a pasarela peonil da Illa do Cobo.
Esta intervención xa fora adxudicada polo Concello o pasado mes de xullo á empresa Copcisa por 351.554 euros (case 100.000 euros máis que a licitación), que no momento da sinatura do contrato, informou aos técnicos municipais da imposibilidade de executala. De común acordo, Concello e empresa decidiron rescindir o contrato.
Nese momento iniciouse un novo proceso de licitación que pasa necesariamente pola redacción dun novo proxecto, segundo esixe a nova Lei de Contratos. Para que fose distinto, acordouse sacar da contratación a Ponte de Santiago, xa que era unha intervención máis sinxela que as outras.
Na actualidade, o Concello está a rematar os trámites administrativos para iniciar o proceso de contratación do novo proxecto que ten un custe de 363.681,86 euros e inclúe as pontes das Correntes, Tirantes e a pasarela peonil.
Aínda que se retirou a ponte de Santiago, o Concello tamén traballa nun novo proxecto para que a ponte de entrada á avenida de Compostela teña unha nova iluminación.
Ao respecto das pontes incluídas neste contrato:
- A iluminación da Ponte das Correntes será a máis espectacular. Disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidábel para agachalas, con control único programábel (cor, acendido). Moi similar á Ponte do Burgo.
- A ponte dos Tirantes foi a decisión máis complexa xa que é a máis espectacular. Así que irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais), tamén se iluminará o taboleiro.
- A pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.