Sánchez Cantón: “O noso” director do Museo do Prado

Foto: Museo de Pontevedra

Din del que era un home moi serio, formal e pouco extrovertido, e que se dulcificaba notablemente cando se falaba da súa querida Galicia. Todo lle interesaba da nosa terra e xa moi novo mostrou un interese intelectual por ela. De feito en 1910, con só 19 anos, nun certame rexional de Vigo, obtivo un premio polo seu traballo “Influencia de la literatura gallega en la nacional”

Este pontevedrés que naceu na Boa Vila un 14 de xullo de 1891, e faleceu tamén nela no ano 1971, descansa no cemiterio de San Amaro.

Fillo de Javier Sánchez Cervela (mestre, matemático e colaborador do Diario de Pontevedra) e de Hortensia Cantón Alvarado. Doutorouse en Filosofía e Letras, e como tal foi profesor e catedrático na Universidade de Granada; posteriormente impartiu clases de Historia Xeral na Universidade Central ou Universidade de Madrid, tamén coñecida nun principio como Universidade Literaria. Deste centro universitario chegou a ser vicerreitor desde o ano 1958.

Aínda a día de hoxe a súa traxectoria profesional é valorada como referente polo seu profundo coñecemento de tapices, pintura e debuxos españois. O seu labor como museólogo é indiscutible, a súa contribución foi esencial na creación do Museo de Pontevedra, un dos fundadores en 1927 xunto con Casto Sampedro Folgar, Daniel de la Sota, Castelao, Antón Losada Diéguez, López de Ballina, Jose Millán, Raimundo Riestra Calderón e Xosé Filgueira Valverde.

En 1922 era nomeado subdirector e conservador de pintura do Museo do Prado, sendo director Fernando Álvarez de Sotomayor. Cando se proclamou a república en 1931 este último renunciou ao cargo. O que fose novo director Ramón Pérez de Ayala (embaixador á vez en Londres), foi quen puxo de feito a Sánchez Cantón á fronte do Museo.

Despois de estalar a guerra civil viuse na necesidade de tomar as decisións necesarias para preservar as obras de arte no asedio que sufría Madrid.

Pérez Ayala foi cesado o 12 de setembro de 1936, e no seu lugar foi nomeado director Picasso, que nunca chegou a exercer como tal, quedando de novo Sánchez Cantón como encargado real.  Neste clima tivo que dispoñer o traslado de numerosas pinturas a Valencia. O 11 de xaneiro de 1938 foi cesado; o 31 de marzo volveu ao museo e reincorpórase como director, o que anteriormente renunciara, Álvarez de Sotomayor. Cando falece este último en abril de 1960, designouse definitivamente a Sánchez Cantón como director do Museo do Prado. En 1961 acordouse que continuase no cargo a pesar de cumprir os 60 anos(1); e no ano 1968 nomeóuselle director de honra.

No Prado ademais, levou a cabo unha importantísima reorganización das salas expositivas.

A súa traxectoria profesional na súa faceta de historiador é dilatadísima:

– Membro da Academia Española de Belas Artes

– Director da Academia Española de Historia

– Presidente da Xunta Iconográfica Nacional

– Nomeado protector da Fundación Lázaro Galdiano

– Vicedirector do Instituto Diego Velázquez de Historia da arte.

– Director do Instituto Pedro Sarmiento de Estudos Galegos.

Conta cunha abundante bibliografía, e ata un libro póstumo sobre a súa querida cidade natal “Pontevedra y los pontevedreses”(Museo de Pontevedra 1973).

A cidade de Pontevedra, puxo na súa honra o seu nome ao coñecido Instituto de Secundaria Sánchez Cantón.

(1)https://www.iberley.es/convenios/empresa/convenio-colectivo-empresa-museo-nacional-prado-1400737

Para saber máis:

Interesante escrito na súa memoria de Enrique Lafuente Ferrari, compañeiro e amigo, no que conta diversas anécdotas e diferentes momentos da súa vida. Pdf da Biblioteca Virtual Cervantes. . ¬ CLICK AQUÍ PARA DESCARGAR 

Ver artigo sobre Sánchez  Cantón Museo de Pontevedra ¬CLICK AQUÍ

Comparte!!!

Relacionados