O Concello de Ourense vén de presentar as actividades para a Semana do Medio Ambiente, un programa no que participaron as concellerías de Medio Ambiente, Xuventude, Educación e Participación Cidadá e que se traduce en actividades lúdicas e formativas diarias para toda a familia desde este sábado até o vindeiro 6 de xuño.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que presentou o programa acompañado dos concelleiros das respectivas áreas, salientou que “deseñamos actividades moi diversas nas que toda a poboación poida, en distintos puntos do municipio, non só estar en contacto coa natureza, senón coñecela, gozala e, consciente do seu valor, protexela”.
Baixo o lema Conectando as persoas coa Natureza, o Concello pon a disposición da cidadanía unha programación atractiva e completa, para todas as idades, e tentando abranguer todos os lugares do municipio coa fin de achegarse a todos os veciños, pero tamén especificamente deseñadas para colexios, asociacións de veciños e para gozar en familia da natureza nos parques e ríos de Ourense, “pois a conciencia medio ambiental comeza, sempre, na casa”, explicaba o rexedor.
Moitas das actividades requiren de inscrición previa, polo que se recomenda a todos os cidadáns informarse a través da información recollida na web municipal ou a través dos folletos informativos deseñados para a ocasión.