Todo a punto para gozar do Entroido de Bueu

O Concello de Bueu arranca o mes de marzo cunha intensa programación de Entroido, na que poderán participar pequen@s e maiores. Así, este venres o ilustrador local Marc Taeger impartirá un obradoiro para a decoración da carpa da Praza Massó a partir das cinco da tarde, dirixido a persoas de todas as idades.

O sábado, o día empezará ás 12.30 h coa sesión vermú das comparsas na carpa, e pola tarde, a rapazada poderá gozar dun baile e concurso de disfraces infantil ás 17 h. Á mesma hora, está programado no Centro Social do Mar un concurso gastronómico de Entroido para persoas xubiladas e pensionistas.

A xornada culminará cun baile e concurso de disfraces para adultos, que se celebrará na carpa. Concretamente, entre as 21 e as 23 h recolleranse as inscricións e a continuación terán lugar os desfiles e a entrega de premios consistentes en vales para mercar no comercio local (haberá dous primeiros premios para as categorías de individual e grupo). A festa estará amenizada pola Discocleta, unha discoteca ambulante coa se consegue a recreación e posta en escena dunha cabina de “pinchadiscos” ideada por Fernando Pujalte (máis coñecido como “señor Lili”) ao estilo dos 70´s. A través dela emociónase aos presentes coas melodías populares do pasado utilizando para iso formatos en desuso.

O domingo actuarán de novo máis comparsas da vila na carpa ás 13 h. E o luns, martes e mércores, entre as 11 e as 13 h, o Concello organiza obradoiros de Entroido para a rapazada de 4 a 12 anos que realizarán accesorios relacionados con esta celebración na vila, ademais de contar con inchables e xogos tradicionais.

Comparte!!!

Relacionados