Un informe da Concellería de Urbanismo avala favorablemente o proxecto técnico para o acondicionamento do cámping municipal de Untes, incluíndo a análise de viabilidade da área para autocaravanas, redactado polos arquitectos Alberto de Paula e Aurelio Outeiriño. Así o informou esta mañá a Concellería de Turismo e Termalismo na xunta de goberno local, “unha excelente noticia para o noso proxecto de cidade, pero tamén para dotar a Ourense dunhas infraestruturas axeitadas á nosa oferta termal e turística”, afirmaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
“Será unha zona singular no eido turístico e de lecer da nosa cidade, xa que tamén se contempla alí o proxecto no que estamos a traballar coa Consellería do Mar para a posta en valor do río Miño no seu tramo urbano, co fin de dinamizalo tanto no eido deportivo como de lecer a través de varios pantaláns e unha canle de augas bravas”, dixo Vázquez Abad. O informe presentado hoxe asegura que “a construción e uso do solo se axusta ao ordenamento urbanístico vixente, que o aproveitamento proxectado se axusta á apropiación dos espazos, e que as obras e usos reúnen as condicións de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade esixibles pola normativa urbanística e sectorial”.
O proxecto, valorado en 826.341,59 euros, IVE e impostos incluídos (573.000 euros sería o importe da obra), contempla zona de autocaravanas, cámping con glamour glámping e zona de acampada convencional, así como o uso de enerxía xeotérmica e rede wifi. Todas as instalacións contarían con vistas ao río Miño. “Logo de rescatar a concesión tras un longo proceso coa anterior concesionaria, este Goberno púxose mans a obra e en sete meses conseguimos deseñar o futuro dunha instalación clave para o desenvolvemento turístico da nosa cidade: un cámping á vangarda no seu deseño e que ofrecerá os mellores servizos”, lembraba o rexedor.
A parcela onde se sitúa o cámping municipal de Untes posúe unha superficie de 15.014,74 m² e presenta unha acusada e atractiva pendente cara ao río Miño, que se salva a través dunha serie de 6 bancais nos que se dispoñen as edificacións e as distintas zonas de acampada. As edificacións ocupan os 3 bancais superiores, deixando os 3 inferiores para a acampada.
As principais actuacións a realizar xiran en torno á urbanización, a instalación de internet mediante WiFi en todo o espazo de acampada, circuíto pechado de TV, plantación de especies arbóreas, melloras na rede de abastecemento de auga, consolidación das vías existentes, reparación das canles de recollida de augas pluviais, papeleiras, bancos e fontes e instalación de sinalizacións.
Ademais, o novo espazo contará cun edificio de recepción e de cafetería de 218,69 m2, para unha ocupación total de 74 persoas, un edificio de supermercado de 77,29 m2 climatizado, e un edificio de aseos e servizos de 198,39 m2 cunha ocupación total de 38 persoas que contará con vestiarios accesibles e un sistema de ACS mediante bomba calor por xeotermia.
No primeiro nivel do cámping, a cota de acceso destínase a aparcadoiro, recepción e cafetaría. A este nivel acométese a vía que bordea a parcela e que dá servizo ao resto de niveis. No seguinte nivel sitúase unha edificación destinada a supermercado. O seguinte, inferior ao anterior, destínase á edificación de servizos e aseos da instalación, dispondo no seu interior dos servizos hixiénicos necesarios, un cuarto para caldeira e outros espazos destinados para lavadoiros e pías de fregar. O tres niveis seguintes seguen a descender no terreo conformando a área de acampada, unidos pola vía perimetral e por unha serie de escaleiras como pasos de apoio ás comunicacións principais.
Previamente á aprobación deste proxecto, informaba o alcalde na rolda de prensa, deberán solicitarse informes vinculantes ás seguintes administracións: á Xunta de Galicia, a través das consellerías de Cultura e de Turismo e de Medio Rural, e ao Ministerio para a transición ecolóxica a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. “O traballo que depende do Concello está en marcha e vai avanzando. Agora, dependemos de informes sectoriais doutras administracións para poder seguir avanzando neste proxecto estratéxico para a nosa cidade”, dixo Jesús Vázquez.