Unha porta que leva aos xardíns

Foto: Mateo Fontán Couto

Dentro do programa adscrito ao LV Concurso Exposición Internacional da Camelia, celebrado en Pontevedra, presentouse o día dez de marzo o libro Xardíns históricos de Pontevedra, cuxo subtítulo convida: Un paseo por 20 xardíns singulares da provincia.

Trátase dun volume de case trescentas páxinas editado pola Deputación de Pontevedra que vén ocupar un espazo destacado na, aínda pouco nutrida en estudos, historia da xardinería galega. Os autores son: Carmen Salinero, Ángeles Barros, Gaspar Bernárdez, Xesús Fernández e Antonio Rigueiro. Tras os saúdos pertinentes da Presidenta da Deputación Provincial  e o da Deputada da Estación Fitopatolóxica Areeiro, chegan os agradecementos e o índice.

O libro dá comezo cunha breve historia da xardinería galega. Nela albiscamos as orixes nos claustros e as hortas dos mosteiros medievais, nas cales cultivábanse especies ornamentais, medicinais e de interese culinario. Crese que estes xardíns hortícolas, dos que conservamos moi poucos vestixios, consistían en espazos xeométricos divididos en compartimentos.

Após destes primeiros, chegarían  da man da igrexa e a nobreza outros tipos de xardín como o palaciano, o renacentista, o barroco ou o paisaxista inglés. O momento de eclosión da xardinería galega prodúcese durante o barroco coa xardinería palaciana de tipo xeométrico. É o gran momento dos pazos e as casas señoriais, unha das arquitecturas máis representativas do rural galego con zonas de bosque, de prado e dedicadas ao cultivo agrícola. Os pazos convértense nos grandes receptores de influencias sobre todo francesa –con Versalles como paradigma–, con conxuntos simétricos; pero tamén se reciben influxos renacentistas ou do paisaxismo inglés, dando como resultado un estilo propio galego. Xa que logo, os pazos serán os grandes depositarios da flora ornamental. A arquitectura indiana, de mediados do século XIX a mediados do XX, tamén contará con fermosos xardíns, sobre todo no norte do país.

Debido á meteoroloxía e á maior concentración de pazos e casas señoriais, a fachada atlántica galega é o sitio onde maior número de xardíns, tanto públicos como privados, dáse. As Rías Baixas están consideradas como o xardín da camelia, unha das flores máis prezadas que temos, e a pesar de que a súa orixe é foránea hoxe sentímola plenamente galega. Así pois, na Galicia occidental está máis representada a flora oriental que a americana.

A obra refire a importancia de certos elementos na configuración do xardín galego como a auga e o granito. Resulta doado toparse con fontes, estanques, pozos ou outros elementos nun paseo polo xardín dun vetusto pazo señorial. Auga, pedra e por suposto o elemento vexetal representado na variada gama de especies florais que engalanan os cada máis traballados xardíns. Tamén o habitual espazo de bosque integrado nos pazos resulta engaiolante pola presenza de carballos centenarios, castiñeiros, bidueiros…

Foto: Mateo Fontán Couto

Os espazos públicos axardinados foron cobrando un gran protagonismo no deseño das cidades desde o século XIX ata a actualidade; as alamedas constitúen un exemplo ben definidor do dito. Ao mesmo tempo, cobran importancia os xardíns botánicos ou os asociado a balnearios.

Xunto aos de estilo francés, inglés ou italiano, hoxe en día son varios os deseños de xardín que podemos gozar: minimalista, xaponés, de repoboación, en altura, verticais, etc. Os hortos urbanos ou a xeroxardinería, baseada na adaptación e a sustentabilidade das especies ao medio e ao clima, tamén son tendencias importantes nos tipos de xardíns actuais.

A ficha que presenta a obra para cada un dos vinte xardíns sitos na provincia de Pontevedra inclúe: localización, propietario actual, historia, un paseo polo xardín, singularidades e un catálogo botánico. O remate do libro compóñeno un capítulo dedicado á camelia nas Rías Baixas, e dous cadros: un deles coa distancia entre xardíns e o outro coas coordenadas de situación. Pecha a bibliografía.

Libro traballado, curioso, ben ilustrado, dos que gusta ter. Ferramenta de consulta valiosa, con trazas de guía. Unha porta á fermosura sensible dos xardíns e a todo aquilo que nos teñen que contar como testemuñas que son da nosa historia.

LISTAXE DOS XARDÍNS PRESENTES NA OBRA:

 

    • Pazo de Oca (A Estrada)
    • Parque-xardín e carballeira de Caldas de Reis (Caldas de Reis)
    • Pazo de Fefiñáns (Cambados)
    • Pazo de Gondomar (Gondomar)
    • Granxa de Briz / parque dos Sentidos (Marín)
    • Pazo da Saleta (San Vicente de Meis)
    • Xardín do balneario de Mondaríz (Mondaríz Balneario)
    • Estación Fitopatolóxica Areeiro (Pontevedra)
    • Pazo da Carballeira de Gandarón / Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra)
    • Pazo de Lourizán (Pontevedra)
    • Xardíns de Monteporreiro (Pontevedra)
    • Xardíns de Vicenti e Colón (Pontevedra)
    • Pazo de Torres Agrelo (Redondela)
    • Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia)
    • Parque botánico do castelo de Soutomaior (Soutomaior)
    • Alameda de Vigo / Praza de Compostela (Vigo)
    • Parque do Castro (Vigo)
    • Parque de Castrelos / pazo Quiñones de León  (Vigo)
    • Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa)
    • Casa-Museo Valle-Inclán / pazo do Cuadrante (Vilanova de Arousa)

 

Comparte!!!

Relacionados