Verín acolle dúas mostras na Sala de Exposicións

Desde o 29 de xaneiro,  a Sala de Exposicións de Verín acolle as exposicións “OBXECTIVOS DO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE”, ata o día 14, e “15 VISIÓNS: UNHA PERSPECTIVA DE DIFERENTES REALIDADES DESDE O PUNTO DE VISTA DA ARTE”, ata o día 7 de febreiro.

Coa finalidade de divulgar os 17 obxectivos que se pretenden conseguir até o ano 2030, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (no que participa o Concello de Verín) reuniu a 15 debuxantes de Galicia, Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau para que realizasen 17 viñetas, unha por cada un dos dezasete obxectivos consensuados pola comunidade internacional. As 17 viñetas, con cadanseu ODS, están impresas en vinilo sobre 9 caixas de cartón, tamaño 80x118x78 cm, que se colocan á súa vez sobre outras tantas caixas de idénticas dimensións en sentido inverso.

A Sala de Exposicións de Verín acollerá simultaneamente a exposición “15 visións: unha perspectiva de diferentes realidades desde o punto de vista da arte”. Nesta mostra, que incide especificamente no obxectivo da igualdade de xénero (ODS n.º 5), quince mulleres vítimas de violencia de xénero versionan obras de arte moi populares (La maja vestida, Goya; La Gioconda, Leonardo da Vinci…). A exposición, que consiste en 15 fotografías de 79×50 cm e outras tantas cartelas explicativas, está organizada polo CIM (Centro de Información á Muller) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

Fonte: Concello de Verín

Comparte!!!

Relacionados