As páxinas destinadas a enriquecer a historia de Pontevedra festexan a nova publicación do investigador Leoncio Feijoo Lamas. O traballo leva por título: Los gigantes de Pontevedra; tónica habitual é a edición a cargo do autor, cando ben merecería estar subvencionada. Cobrou forma na tan senlleira Imprenta C. Peón, a mesma da que saíra un bando que dicía: Os vellos non deben de namorarse.
O autor é un investigador serio, dos que non erran o tiro. A Leoncio Feijoo gústalle enfrontar coa documentación. Vótalle horas de arquivo, traballa con paciencia e manexa un estilo claro e didáctico. Sendo un dos grandes coñecedores da historia pontevedresa, demostra especial sensibilidade con aspectos pouco tratados ou relegados. Esta apetencia fano un dos máis interesantes escritores para falar das nosas cousas. O seu traballo sobre o Voto a San Sebastián é das mellores e máis orixinais leccións recentes á historiografía sobre Pontevedra. O que dedica ás orixes do fútbol nesta cidade é, ata o de agora, a maior achega ao tema. Os seus artigos sempre descobren aspectos interesantes relacionados coa vila que tanto lle apaixona.
Tráenos agora Leoncio Feijoo un traballo que fala dos xigantes pontevedreses, un tema suxerinte e necesario pola escaseza de estudos. Como ocorre en tantos outros temas foi Filgueira Valverde quen, antes do libro ao que estámonos a referir, adiantou algunhas liñas sobre estes personaxes e a súa posible significación; pouco máis podemos atopar no panorama bibliográfico pontevedrés sobre este asunto. A monografía pois, cobra valor de pioneira en toda Galicia
Os xigantes e cabezudos forman parte do imaxinario e do patrimonio colectivo de moitos pobos, cidades, países e até dun continente, o europeo, que os acolle en multitude de lugares. Danzan por sempre na nosa lembranza e marcan co lume do inesquecible as primeiras impresións infantís. Ao respecto é de sobra coñecido que o tan sabio beneditino Fr. Martín Sarmiento tivo como primeiro recordo aos xigantes do Corpus pontevedrés. Estas figuras de cortexo constitúen unha das mostras de patrimonio popular máis salientables, polo seu carácter lúdico, vinculado ás festas, e o seu senso, poderiamos dicir, emocional. Posúen un valor material e artístico, pero tamén están cubertos pola pátina do símbolo e a tradición inmaterial.
Trala introdución, o libro de Feijoo divídese en quince capítulos. Neles vai debullando a historia destas figuras e a súa vinculación coa cidade. Séguelle o rastro a todas as parellas de xigantes das que se ten constancia e dótaas dos seus posibles significados ao longo do tempo, dentro das celebracións que lles dan sentido, sobre todo o Corpus Christi, berce común dos xigantes do mundo.
O traballo aséntase principalmente en fontes xornalísticas e na documentación do Confraría da Peregrina conservada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. O autor conxuga moi ben a realidade e a dinámica da cidade do Lérez, en cada momento histórico, cos xigantes protagonistas do traballo. Así, o libro supón tamén un constante ollar a Pontevedra onde o lector atento pode descubrir datos da intrahistoria da capital, nun marco amplo e sempre ben contextualizado. Os xigantes non paran de bailar en Pontevedra durante as diferentes épocas e reinados. No entanto, xa antes da Real Cedula de su Magestad de 1780, os xigantes non saían ás rúas pontevedresas até que, finalmente, foron recuperados pola Confraría da Peregrina e consolidados a comezos do século XX. Outro período difícil para estas figuras foi o republicano, sen dúbida debido á súa vinculación cos festexos relixiosos. Porén, na obra de Leoncio dámonos conta da versatilidade destes xigantes, os cales alén do Corpus, chegaron a participar nalgún momento da súa persoal historia –e aínda o fan nalgunhas hoxe en día– nas Festas de san Bartolomeu, as da Peregrina, as de Santiaguiño do Burgo, as de san Roque ou mesmo as de san Miguel, en Marcón. Ademais tamén farían parte na Cabalgata dos Reis Magos ou na estival Batalla de Flores.
A obra ofrece multitude de aspectos curiosos. Pode servir de exemplo O errado “certamén de cabezudos” de 1907; ou as diferentes parellas de xigantes documentadas. A parella de “mouros”, da que tanta saudade sinto, adquiriríase en Barcelona, no ano 1889, e chegarían a “convivir”, uns poucos anos máis adiante, con outra parella. Pero o autor tamén está atento a noticias como a feitura de novos traxes, restauracións ou proxectos vinculados a estes personaxes; así como tamén se fala da compra de cabezudos novos, en diferentes épocas e estilos. Ou a existencia, durante a década de 1960, das figuras dos “cabaliños” que viñan a enriquecer á comparsa. En fin, o rexistro do devir destes xigantes e cabezudos outorgan ao libro certo carácter mitolóxico dentro dunha viaxe engaiolante.
Un dos capítulos máis interesantes da obra atende ao factor humano dos xigantes ou papamoscas, pois así se chamaban na cidade. É dicir, as persoas que os dotan de vida e miran por eles. O recordo á saga dos Estévez ou á a actual dos Carballeda constitúe, a un mesmo tempo, severidade para o traballo e xusto homenaxe.
O estudo péchase cun interesantísimo capítulo de documentos, que estruturan e complementan ben ao traballo, máis as fontes e a bibliografía.
Recordo, nunha das nosas amigables charlas, estar falando con Leoncio na Cata, o establecemento do emblemático Petete, sobre a necesidade da realización dun traballo preocupado polos xigantes e cabezudos. Pasou o tempo e o resultado, aínda sendo de esperar, supera as expectativas. Convido á xente a comprobalo adquirindo un libro rigoroso e un anaco de nostalxia.