XXXIV Campionato de Galicia Absoluto e Sub23 en Pista Cuberta. Ourense

A cidade de Ourense reunirá este domingo a mellor selección de atletas da comunidade coa disputa do  XXXIV Campionato de Galicia Absoluto e Sub23 en Pista Cuberta. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o concelleiro de Deportes, Mario Guede, o vicepresidente Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez e o delegado en Ourense,  Ángel Fidalgo, e a interventora de Expourense, Cristina Álvarez, participaron na presentación da proba, que terá lugar na pista cuberta de Expourense, en xornada de mañá e tarde.

En xornada de mañá e tarde sucederanse, e en ocasións de xeito simultáneo, as competicións de salto de altura, de lonxitude, triplo, con pértiga, lanzamento de peso, carreiras de 60 metros lisos e vallas, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000. “Será un fantástico plan de domingo de inverno, para gozar en solitario, en parella, coas amizades ou coa familia”, concluiu Jesús Vázquez.

Esta é a competición máis importante a nivel autonómico que se disputa anualmente en pista cuberta, e nela que participará a máis completa escolma de atletas de Galicia nas modalidades de carreiras, saltos e lanzamentos.

Nesta edición o campionato está incluído no calendario nacional da Real Federación Española de Atletismo, o que habilita a participación de atletas do resto de España e doutras nacionalidades sempre que teñan un nivel deportivo acreditado cunha marca superior a 900 puntos por táboa IAAF, da Asociación internacional de federacións de atletismo.

Crece así a competitividade da proba e abre a posibilidade de que atletas de fóra de Galicia podan vivir a experiencia de competir nunha das mellores pistas de España e do mundo, como é a de Ourense.

Finalmente, o alcalde quixo poñer en valor en nome da cidade “canto de bo nos está a proporcionar a nova pista cuberta de atletismo, co seu calendario estable de grandes propostas deportivas”, e agradeceu o “bo traballo que todas as institucións e a comunidade deportiva: atletas, equipos, asociacións, etc. están a desenvolver para que ese reto que foi un día dotar Ourense deste equipamento deportivo sexa hoxe unha estupenda realidade que funciona a pleno rendemento. Algo do que nos sentimos moi orgullosos”.

 

Comparte!!!

Relacionados