Ourense prepara unha gran exposición de personaxes tradicionais do Entroido

Ourense prepara unha gran exposición de personaxes tradicionais do Entroido

O Concello organizará, durante o mes de marzo na sala Valente, unha gran exposición con máis de 50 personaxes tradicionais do Entroido ourensán: Os nosos Entroidos.

“Canceladas todas as grandes celebracións do evento máis sinalado do ciclo festivo da cidade, sen hostalaría nin actos culturais”, explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “o goberno municipal decidiu aprazar a exposición de personaxes”, di, cuxa apertura estaba prevista para o mes de febreiro, coincidindo co Entroido.

Os elementos que se exporán proceden de cesións realizadas por 34 concellos -hai 44 localidades representadas-, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia.

Xunto cos personaxes e os seus elementos, tamén se poderá coñecer grazas a esta exposición o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense: é o caso dos domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as tradicionais líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba