Poucas cousas mellores ocórrenseme cá edición dun libro á hora de rendermos homenaxe a alguén que o merece.
Un libro-homenaxe pode adquirir distintas formas: pode reunir colaboracións de diferentes especialistas relacionadas coa personalidade e as angueiras de aquel a quen se quere render tributo, ou ben pode recompilar composicións do mesmo homenaxeado. Con esta segunda opción ofrécese a posibilidade da descuberta dun traballo esquecido ou difícil de conseguir; deste xeito, fortalecemos o legado do autor e o vínculo directo co lector, flúe a relación e perpetúase a memoria.
O Museo do Pobo Galego decidiu editar a obra completa de Carlos García Martínez para lembrar e recoñecer o traballo do que foi o director da institución desde 1999 até 2018, desempeñando outros cargos con anterioridade. Tristemente converteuse nun libro de homenaxe póstuma, cando a intención era a de celebrar os setenta e cinco anos do nacemento deste activista cultural galego.
Licenciado en Dereito, Carlos García Martínez adéntrase cedo no circuíto dos estudos prehistóricos. Obtén unha bolsa do CSIC e incorpórase ao Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento” nas sección de Prehistoria e Arqueoloxía mais na de Etnografía e Folclore. Tamén chega a desempeñar labores de bibliotecario xunto a Antonio Fraguas. Embebido do espírito de traballo en favor da terra, que as vellas figuras do Seminario lle insuflan, comeza un labor constante e silandeiro que o levan a participar na fundación de proxectos e tomar parte en varias institucións ademais do devandito Instituto: Real Academia Galega, o novo Seminario de Estudos galegos, Fundación Castelao, Fundación Pedrón de Ouro, Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, Consello Galego de Museos e Asociación de Escritores en Lingua Galega. Mais foi o Museo do Pobo Galego quen recibiu o cacho máis grande do seu tempo. A súa dedicación foi recoñecida con distincións como o Premio Trasalba de 1995 ou o Pedrón de Ouro, xa a título póstumo.
Carlos García Martínez. Obra completa é un libro de máis de mil páxinas. Nel se recolle a faceta de escritor deste destacado personaxe da vida cultural galega dende o seu primeiro artigo recollido nos Cuadernos de Estudios Gallegos no ano 1968 até ocase o cento que escribiría; se ben, a obra non reúne a totalidade dos escritos publicados por García Martínez xa que algúns, pertencentes aos primeiros tempos, foron ilocalizables.
O libro estrutúrase en sete seccións. A primeira está dedicada a temas de arqueoloxía e prehistoria. Reúne, se cadra, os traballos de máis peso e valía pois a maioría son o froito das principais investigacións que García Martínez realizaría no Instituto de Estudios Gallegos. En varios deles asina o traballo xunto a destacados nomes como F. Bouza Brey, X. M. Álvarez Blázquez, J. Carro Otero, J. M. González Reboredo, F. Acuña Castroviejo, J. M. Vázquez Varela, E. A. Shee, X. ou Martínez López. A temática é variada, aínda que sobresaen os artigos sobre megalitismo e arte rupestre. Están realizados entre os anos 1968 e 1991 e constitúen, a pesar do avance significativo da disciplina, achegas con vixencia hoxe en día.
A segunda sección do libro trata de etnografía. Resulta máis curta en títulos, a pesar dos grandes coñecemento que sobre a materia posuía García Martínez, e que están reflectidos na estruturación e contidos do MPG. Destacamos as catro entregas que formaron «Tipología de la vivienda popular gallega», recollidas do Boletín da Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Os artigos dedicados a biografías constitúen a terceira sección do libro. Nela desfilan un gran número de personaxes ilustres da cultura galega –mestres e amigos– que compartiron ideais e traballo co noso autor. Ofrécese, ademais, dous textos inéditos: un sobre Felipe Arias e outro sobre Alfredo García Alén.
Co título «De varia lección», na cuarta sección da obra rescátanse limiares, presentacións de libros e outros documentos de índole similar.
Na quinta sección desta recompilación súmanse case todos os textos publicados polo autor na prensa, programas e folletos. Son dezaseis entradas de temática diversa.
As voces, a meirande parte relacionadas coa arqueoloxía, que Garcia Martínez redactou para a Gran Enciclopedia Gallega (primeira etapa) compoñen a sexta sección da publicación que estamos a referir.
E xa como remate deste groso volume, na sétima sección atopamos un inédito inconcluso do que ía ser unha monografía sobre as terras do Incio. Unha crónica inacabada, coa que este libro nos agasalla, e que supón unha moi interesante novidade na bibliografía do autor compostelán.
Carlos García Martínez foi un home que traballou con afán para o estudo e a conserva do patrimonio de Galicia, tanto material coma inmaterial. Dedicou a súa vida a contribuír na posta en valor do feito galego dende as ciencias sociais. Este é un libro de homenaxe, si; mais é un libro cheo de interese e utilidade na procura de datos e, ao fin, na pescuda de nós mesmos.