Antes da pandemia da Covid-19, a cal nos obrigou ao confinamento alí onde nos tocara, tiña a intención de escribir unhas liñas sobre un novo libro a cargo do investigador Lino J. Pazos. Vexo agora o momento de facelo.
Non é novidade algunha que Lino Pazos saque un libro, máis ben resulta ser cousa frecuente. Máis de corenta obras dan conta do seu voluminoso traballo ao longo de toda unha vida, a eles unimos os numerosos artigos dispersados nas revistas e xornais, as conferencias e toda a actividade cultural levada a cabo por este autor. Desde aquel primeiro libro que lin del, e que trataba sobre a illa de Tambo, sempre lembro con ledicia a chegada á casa dun novo volume deste namorado do mar; a súa angueira aseguraba ao lector horas de entretemento mergullados nas historias sobre sereas, naufraxios, submarinos, veleiros, faros, ermidas costeiras e un alongado etcétera. Segue a sorprenderme que sempre atope algo sobre o que escribir, os seus recursos son case infindos coma o mar que o inspira. E cantos océanos quedaranlle por descubrir! Porén, non sería xusto esquecer as súas proveitosas achegas a outros temas e personaxes, como por exemplo Castelao.
Tráenos agora Lino un libro titulado Promesas de mar. Ex votos y cruces frente al mar de Galicia. Nel realiza un interesante percorrido por un bo número de votos ou promesas figuradas en maquetas de embarcacións, pois diso tratan os exvotos de carácter mariñeiro aínda que a estes tamén habería que unir os cadros, fotos ou obxectos tales como gorros, chalecos salvavidas e incluso outros a modo de ofrenda como as grandes conchas de tridacna gigas. A clasificación pode mudar dun autor a outro. O que si temos claro é que a meirande parte destas mostras de relixiosidade popular veñen dadas pola consecución dunha graza ou “axuda divina” recibida nunha situación límite, e diso o noso mar ofrece numerosos casos. Tamén, aínda que con menos frecuencia, atopámonos con exvotos de carácter preventivo nas igrexas, capelas e santuarios galegos. Lino Pazos describe moitas destas maquetas de embarcacións, facendo gala da súa sapiencia mariñeira, e repara no seu valor antropolóxico e mesmo artesanal.
Doutra banda o libro ofrece un catálogo de cruces de afogados repartidas pola xeografía galega.
Á súa descrición acompaña concisos datos sobre os tráxicos sucesos que nos falan dende naufraxios moi soados até a perda da vida de humilde xente do mar. Mariñeiros, percebeiros e demais traballadores teñen a súa lembranza nestas sinxelas cruces esparexidas pola costa e os acantilados, dando lugar a unha paisaxe fermosa ante todo, mais tamén melancólica. Outras manifestacións artísticas como monumentos, sepulturas ou cruceiros relacionados con estes sucesos son obxecto de atención por parte do autor. A obra atende ademais ao interesante aspecto dos modelos de embarcacións utilizados nas procesións galegas.
Con estilo desenfadado e cun gran corpus fotográfico para ilustrar constantemente ao texto, Lino Pazos volve dar mostra da súa querenza absoluta polas cousas do mar e o seu constante ánimo de traballo ao que debemos a cuberta de varios campos, este dos exvotos non fora moi tratado anteriormente a non ser polos estudos encabezados por Xosé Fuentes Alende ou Estanislao Fernández de la Cigoña. O primeiro destes autores non fai tanto presentaba un fantástico libro sobre as diferentes manifestacións de exvotos; é de celebrar que o tema goce de saúde.
O libro remata coa promesa doutro dedicado aos exvotos mariñeiros asturianos. Resta agradecer e animar ao autor a seguir a súa travesía ao longo das miles de páxinas escritas e ás que quedan por divisar. Sorte capitán!