Casto Sampedro, retratado

Casto Sampedro, retratado

(Casto Sampedro. 1928 Fotografía: Sáez Mon y Novás / Museo de Pontevedra)

A Xosé Fuentes Alende, o cal me puxo na pista desta historia

Aínda que en  moitos lugares do país e na cidade que o viu prosperar continua a ser  en gran medida descoñecido, non cabe dúbida que Casto Sampedro Folgar (1848-1937) foi un dos meirandes intelectuais do seu tempo e realizou un inxente traballo canalizado en boa parte na fundación e presidencia da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, berce do gran Museo Provincial que estaría por chegar en 1927 e do que se sabe Casto Sampedro foi o seu primeiro director.

A pesar de achegas por parte de persoeiros como Filgueira Valverde –diriamos o seu “discípulo amado”– e outras glosas de membros da Arqueolóxica, a súa figura continuou un tanto escurecida co paso dos anos. Debemos á fantástica tese de doutoramento de Xavier Groba a mellor contribución sobre Casto Sampedro, por suposto no tocante ao seu traballo no eido da música tradicional, mais tamén na descrición biográfica. No 2001 con motivo do 75 cabodano do seu pasamento tratouse de dar maior visibilidade a tan destacado personaxe. No entanto, algo que non sabería precisar ben o que é fai que a lembranza deste redondelán de nacemento non teña a forza que merece. Poida que moito disto sexa herdeiro do propio carácter do erudito, marcadamente modesto e fuxidío. 

Pois don Casto, cun temperamento con carné de gremio dos scorpio, conxugou o rigor e a rixidez xunto á máxima humildade. Comparábase a si mesmo cos ladrillos refractarios aos incendios, en metáfora á exposición pública. De tanto sobre o que investigou case nada leva a súa sinatura, e esta mesma gustáballe ocultala baixo iniciais ou un simple xe. Escapaba de recoñecementos  e odiaba os retratos, pese a ser consciente do valor documental da fotografía. Da súa señorial figura barbada e cana apenas conservamos dúas instantáneas “roubadas”, a estas unimos outra dunha excursión ao mosteiro de Carboeiro, cun Casto máis novo. Se cadra son as únicas das que dispoñemos.

Un deses retratos roubados posúe un contexto coñecido e unha historia simpática.


No abril de 1928 membros do Seminario de Estudos Galegos fixeron xuntanza, na súa IV asemblea, en Pontevedra. Entre reunións, conferencias e actos, organizouse durante a mañá da terceira xornada na cidade unha visita ao Museo Arqueolóxico de Pontevedra que contaría coa sabia guía de don Casto Sampedro. Durante a visita ás ruínas de San Domingos, tomaríase a  fotografía máis afamada dos membros do SEG, amplamente divulgada. Pero non atoparemos a don Casto na coñecida instantánea; lembremos que aborrecía saír nas fotos e sería cousa pouco menos que imposible o convencelo, si é que aínda se atopaba no lugar durante o histórico momento.

Porén, a proveitosa xornada si depararía unha fotografía do vello erudito. Agora recordamos un traballo que Antonio Fraguas realizou para o número 21 da revista Grial sobre o seu benquerido amigo, e tamén membro do SEG, Sebastián González García-Paz. Nesta fermosa e coidada lembranza, Fraguas fala daquela asemblea do SEG e a visita ás ruínas, proporcionándonos un curioso dato:

Fíxose unha visita ó Museo Arqueolóxico da que se conserva unha foto onde estamos con Don Salvador Cabeza de León, D. Xesús Carro García, D. Abelardo Moralejo Laso, D. Isidro Parga Pondal, D. Xoaquín Arias Sanjurjo, D. Xerardo Alvarez Limeses, D. Xoán Novas Guillan, D. Antonio Losada Diéguez, D. Florentino López Cuevillas, D. Vicente Risco e un grupo de estudiantes: Ricardo Carballo, Xosé Filgueira, Sebastián González, Pintos Fonseca, Fraguas e Tafall. Esta mesma mañán pudo impresionarse unha placa de Don Casto Sampedro, por suposto sin que el se dise conta; é a foto na que aparece co paraguas na man e que se consigueu por un engaño de Losada Diéguez que lie pideu que nos descifrara unha inscripción que había no muro.”

Debemos pois a unha astuta argucia dese forxador de galeguistas que foi Losada Diéguez a existencia do retrato. Supoñemos que a autoría da fotografía viría a cargo do estudo fotográfico Sáez Mon y Novás que realizara a foto coral cos membros do SEG. Precisamente unha das partes desta sociedade, Juan Manuel Sáez Mon, era sobriño de Casto Sampedro; o outro membro era  Lorenzo Novás que fora fotógrafo da Sociedad Arqueológica, en sustitución do seu mestre Zagala, e  converterase no fotógrafo do Museo de Pontevedra. Suxeito ás indicacións de don Casto, este gran  profesional tiña fotografado moitas inscricións epigráficas e monumentos. 

O retrato amosa a don Casto, nun día que sabemos frío e chuvioso, co seu sombreiro e con abrigo. A mano esquerda a garda no peto. Os ollos son puntos negros, asemellan pequenas figas de acibeche, desas que atesoura o seu amado Museo. Aínda que un tanto cansos, expresan co lume da sapiencia. O sabio fala sen necesidade de falar… o seu dedo índice é un paraugas, por que non?, dará unha explicación máis a toda esa xente de valía, e o momento queda inmortalizado.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 2 Average: 5]
Comparte!
Voltar arriba