Co atinado título A Vida incerta, Montse Fajardo tráenos unha descuberta biográfica de fondo calado por todo o que a persoa de Virxinia Pereira representou: por unha banda está a inseparable e oufana figura da dona de Castelao, pola outra a que racha co estereotipo de muller algo frívola e afastada do compromiso político.
Virginia Nicolasa María de Gracia Tomasa, tal era o seu nome completo, naceu na Estrada un 19 de outubro de 1884 no seo dunha familia acomodada conformada polos seus pais Peregrina Renda e Camilo Pereira mais os nove irmás que chegaría a ter, seis mulleres e tres varóns, coa nota lutuosa de perder a dous deles a idade temperá.
Comeza pois a biografía de xeito ortodoxo con datos da infancia e mocidade de Virxinia e a súa contorna. Pronto entra en escena un Castelao estudante de Medicina para facerlle as beiras, aínda que ao parecer non gustaba demasiado nin ao pai nin ás cuñadas. Tampouco Virxinia era do agrado das irmás de Castelao. A parella, fiel reflexo de tantas, rompe para despois volver ata que a historia remata en voda, a todo isto, oficiada por Antonio Rey Soto, bo amigo do de Rianxo.
A partir de aquí mergullámonos de cheo na vida pouco estable dunha muller, e dun matrimonio co seu fillo. Como ben explica a autora do libro: “Se algo ensina a biografía de Virxinia Pereira é que a vida é un camiño incerto”. Todos os capítulos vitais acaecidos, moitos deles coñecidos e outros non tanto, son tratados nas páxinas que imos pasando con interese: os problemas de vista de Castelao que o fan renunciar á medicina para converterse en funcionario, a relación con Pontevedra, o affaire do artista con Marie Fischer, a nai envorcada ante a enfermidade do fillo e a tráxica morte de Alfonsiño no Nadal de 1928, acontecemento este último do que para sempre quedarán ligados nunha dor imperecedoira: “Somos orfos de fillo”, escribiría Castelao.
O libro vai debullando con precisión o devir da parella dende a óptica dunha Virxinia que asume un rol secundario mais útil na empresa galeguista do seu home. Os acontecementos históricos relevantes mestúranse con anécdotas dotando á obra dun senso completo e humanizándoa. Chegan os episodios de París (cun divertido momento vivido cun matrimonio de alí); o golpe de Estado; o periplo pola URSS, EEUU, Cuba…, ata chegar á Arxentina. Montse Fajardo dá conta de varios personaxes que irrompen nas vidas de Virxina e Daniel; deste xeito, a biografía da protagonista atópase acompañada por un coro que contextualiza moi ben os diferentes tempos. Así xorden, por exemplo, curiosas figuras como a de María Docampo que actuaría de secretaría de Castelao nos Estados Unidos, e quen sabe se tamén de espía.
Cun Castelao xa exiliado e unha Virxinia moi consciente do que o seu marido simboliza, e da súa transcendencia, a parella non cesa na actividade antifascista e cultural, colaborando cos moitos centros galegos esparexidos pola cidade e fóra desta. O seu piso, chamado o Farol de Belgrano, tamén será un importante epicentro da acción galeguista. Virxinia secunda a actividade política do seu marido dun xeito pragmático e comprometido.
Chega a morte do home Castelao e o nacemento do mito. Virxinia viviu en primeira liña a cruel enfermidade do seu esposo e acompañouno ata o final. A misión agora era continuar a loita e reivindicar o seu legado. Virxinia convértese na mellor embaixadora da memoria de Castelao. As súas actividades durante este tempo son recollidas no traballo, nunha das súas partes máis interesantes ao meu entender. A loita por manter o legado espiritual de Castelao e mais de facer cumprir a súa vontade con respecto do material, non sen dificultades, serán as empresa de Virxinia ata o seu propio pasamento en 1969. Isto afástaa da imaxe que se tiña dela ata a chegada deste libro.
Un libro que revela a unha Virxinia de moitas arestas, mais uniforme: a profundamente relixiosa, a afeccionada aos xogos de cartas, a amiga de Fita (dona de Otero Pedrayo) ou Manuela Fraga, a nai esnaquizada, a compañeira de viaxe, a defensora da lingua, a escritora de cartas, a cumpridora de vontades….
Nove capítulos mais o epílogo, os agradecementos e a bibliografía. Máis de 300 páxinas para contar unha vida necesaria de coñecer, a cal evidentemente non se pode narrar sen estar presente a de Castelao. Aínda que este sempre será protagonista, nesta historia gusta de acompañar. Destacan, así mesmo, as moitas e moi interesantes ilustracións e fotografías, saídas de diferentes fondos e arquivos, que acompañan ao texto.
A obra combina moi ben as diferentes fontes para a súa realización, desde unha exhaustiva bibliografía, un importante baleirado epistolar e dos recursos web ata o valor documental da entrevista e as fontes orais. Montse Fajardo elévase como unha das cabezas visibles do magnífico proxecto A memoria das mulleres que cristaliza en traballos como a web http://www.dogrisaovioleta.gal e tamén neste libro, co gallo do cincuenta aniversario da morte de Virxinia Pereira. Con el, contribúese ao mapamundi biográfico sobre Castelao mais, sobre todo, ábrense as portas a unha muller reivindicada.