O Cristo de Xende

O Cristo de Xende

É San Paulo de Xende parroquia do Concello da Lama, parroquia demograficamente pequena. Na súa voz máis recente (ano 2003) a Gran Enciclopedia Galega dálle 127 habitantes.  A Galipedia informa de 95, tirando do Padrón municipal de 2013. Pertence ao arciprestado de Oitavén e a diocese de Tui-Vigo. A parroquia, que até 1904 dependía de Forzáns, compóñena sete lugares: A Aldea, A Baralla, O Catadoiro, O Eido de Caneiras, A Igrexa, A Paradela e A Veiga do Muíño. 

O seu é relacionar a ese val bautizado polo río Xesta que é Xende co resto das demais parroquias lamenses. Un recuncho, o da Lama, de atrevidos cumios e moita fermosura. Éche terra de lindos cruceiros e coloridos petos de ánimas; terra secularmente cargada de relixiosidade e certo orballo telúrico. O Monte do Seixo ou o carballo do Pelete son numenes do que falo.

Ocorre que Xende acolle un Cristo o cal supón o epicentro dunha romaría soada. O Santísimo Cristo da Agonía de Xende é unha imaxe de feitura barroca, pódese encadrar, seguindo aos especialistas, no primeiro terzo do século XVIII. Son características súas o rostro dorido e resignado máis o perizonium de tea que cubre ao tallado. A empresa Acanto realizou en 2013 labores de restauración no conxunto escultórico do Calvario do templo de Xende, composto polo Cristo, o san Xoán e a Virxe.  As labores consistiron grosso modo no acondicionamento e traslado do conxunto, tratamento da película pictórica, tratamento do soporte, traballos de reintegración, traslado e montaxe.

González Reboredo ten apuntado que a escultura do Cristo pode proceder do antigo convento de San Domingos de Pontevedra, e que tras a desamortización de Mendizabal en 1836 sería mercada, seguindo a tradición oral,  por zapateiros ou por uns que “andaban ao sal”. Antes de 1850 este crucificado xa recibirá un intenso culto.

A romaría do Cristo de Xende prodúcese o día da Trindade, a fin de semana anterior á celebración do Corpus Christi. Sobre a orixe desta romaxe atopamos diferentes opinións; coido a máis razoada a do devandito González Reboredo, situándoa pouco anterior á segunda metade do século XIX. Don Antonio Fraguas escribiu que antigamente moitos peregrinaban a pé con farois de aceite como ofrendas, actitude esta que foi mudando cos tempos tan de locomoción mecánica que corren. 

A devoción de Xende, da Lama enteira, atópase enmarcada en varios elementos arquitectónicos fundamentais á hora de tratar de concibir o espazo e o sentir da celebración. Está o campo da festa, claro! Pero tamén o viacrucis de Manuel Piñeiro que comeza nunha cova chamada de Santa Bárbara e remata nun fornelo, o cal cubre a ese cruceiro, obra do canteiro Manuel González Perdiz en 1868, que tanta cousa suscita…  A igrexa é obra da segunda metade do XIX. En orixe foi capela, co pasar dos anos impúxose a ampliación do templo. Tamén resalta o que antigamente era casa para romeiros, hoxe reitoral.

Unha ofrecida en cadaleito. Fotografía: Diego Torrado / Pontevedraviva.com / https://pontevedraviva.com/xeral/28224/xende-preparados-ataudes-celebracion-santo-cristo/

O Cristo concorre en procesión desde 2012, baixo dosel morado. Na da tarde, máis antiga, saen ademais outras imaxes: tres virxes e un Sagrado Corazón en carroza, parte concreta e importante do ritual. Como ocorre noutras localizacións galegas, algúns fieis acudían á procesión –hoxe en día e cousa case que anecdótica– “con” ou “en” cadaleito; outros romeiros fan a promesa de levar mortalla. O máis normal no culto actual son as candeas, os exvotos de cera e as flores. Non fai tanto era común os donativos en especie, consistindo nalgún animal.

Procesión do Cristo de Xende no ano 2018. Fotografía tomada de Pontevedraviva.com / https://www.pontevedraviva.com/xeral/46211/a-lama-festas-cristo-xende-2018-procesion/?lang=es

Algún milagre tamén atribúese ao Cristo da Agonía. Dise que un pintor desprezou apañar á imaxe por ser un trisco de “madeira vella”. Tempo despois zafaba dun serio accidente; isto provocou que, agradecido, pintara de balde a figura do Cristo. Mostra da sona e devoción desta imaxe é unha cantiga rescatada no número 10 da revista lamense A pedreira por Cristina Villaverde Ruibal; por certo, tan parecida a outra dedicada á Nosa Señora da Barca que Rosalía de Castro cantou.

“O  Santo Cristo de Xende / ten bóveda de pedra/ ben a podía ter de ouro / se o Santo cristo quixera”.

O PSOE propuxo en 2012 declarar a romaría de Interese Turístico de Galicia así como crear dúas rutas de peregrinase ao santuario; non sería mala cousa. Se cadra cumpría o sacar adiante unha publicación ambiciosa sobre o tema, nos varios ámbitos que cobre. Nesta empresa resultaría imprescindible publicar todas as instantáneas que en 1919 tomou o importante fotógrafo catalán Pelai Mas (fillo de Adolf Mas i Ginestà) durante a súa viaxe en motocicleta con sidecar ao Santuario do Santo Cristo de Xende.  

Para saber máis:                                                                                                                                          

FRAGUAS FRAGUAS. A.: Romarías e Santuarios, Galaxia, Vigo, 1988.

GONZALEZ REBOREDO, X. M.: «O Santo Cristo de Xende, ou o Gólgota evocado nas abas do Suído», A Pedreira, Nº 7, A Lama, 2009, pp.11-34.

LOIS VÁZQUEZ, M.: «Romerias, O Santo Cristo de Xende», A Pedreira, Nº 1, A Lama, 2003, pp.33-44.

*Quero agradecer á empresa Acanto a amabilidade e a información facilitada.

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 1 Average: 5]
Comparte!
Voltar arriba