O Barallete

O Barallete

Por barallete entendemos a lingua ou xerga propia dos afiadores e paraugueiros galegos. A comarca ourensá da Chaira, conformada por doce concellos, actúa con especificidade á hora de referirse a estes traballadores ambulantes. Á súa vez, A Chaira foi berce doutros varios oficios itinerantes como foron os cerralleiros, cordeeiros, latoeiros, etc. Se quixésemos concretar un sitio icónico para a figura do afiador teriamos que referirnos a Nogueira de Ramuín, dentro da Chaira claro!, lugar tradicionalmente ligado ás rodas de afiar.

Sacou en marzo deste ano a Deputación de Ourense xunto, precisamente, ao Concello de Nogueira de Ramuín un libro sobre a fala destes característicos personaxes. Leva por título O barallete. O segredo mellor gardado, da autoría de Santiago Bonay López. 

Coñecido resulta o traballo de Ben-Cho-Sey arredor deste patrimonio inmaterial que é o barallete; tamén Castelao reunira termos da misteriosa fala. Co tempo sumáronse outras compilacións e estudos acerca da figura dos naceiros e mutilos, ou o que resulta o mesmo, mestres e aprendices do oficio de afiador e paraugueiro. Xuntos percorrían os camiños anunciándose co chifre e exercendo o traballo, que non resultaba doado de desempeñar, nun ritual de transmisión e aprendizaxe dos arcanos, artes, normas e lingua que envolvían á profesión.

El Afilador. Francisco de Goya (Fonte: https://fundaciongoyaenaragon.es/obra/el-afilador/461)

O libro resulta moi curioso de ler. Non pretende aportar grandes novidades senón máis ben contextualizar e caracterizar no tempo o que foi a figura do afiador, describir obxectos, costumes e xeitos mais, sobre todo, compilar vocábulos do barallete. Bebe moito das obras anteriormente realizadas por Fidalgo Santamariña, Sotelo Blanco, Rodrigues Gomes ou o devandito Ben-Cho-Sey, entre outros.

A obra dá comezo con dous textos introdutorios a cargo do presidente da Deputación de Ourense e do alcalde de Nogueira de Ramuín. De seguido fálase de forma concisa sobre A Chaira, os primeiros afiadores ambulantes e as andainas destes portadores da roda de afiar xunto aos seus pupilos ou, en barallete,  mutilos.

Continua o traballo coa descrición dos instrumentos empregados polo afiador: a tan característica tarazana ou roda de afiar, o chifre anunciador e a importante parafusa que comezou facendo lume e rematou por crear buratos. Fálase tamén de artesáns e coleccionistas destes lindos trebellos. 

Xa despois éntrase na fala do barallete. Tras anotar algúns autores compiladores de voces da xerga ofrécense máis de mil seiscentos termos recompilados, con algunhas variantes ou alteracións fonéticas. O libro aporta trinta e catro novas achegas, meritorio traballo tendo en conta a desmemoria que se sufre pola caída do oficio. Grazas á labor dos que se preocuparon da compilación de palabras do barallete, hoxe en día é unha das linguas gremiais con maior número de termos recollidos, polo menos na península. Aínda así, son moitas as palabras que fuxiron e continúan a ser segredo. 

A obra ofrece cada termo en barallete e a súa tradución en castelán, galego, eúscaro e catalá. Engádense 121 compostos léxicos e sintagmáticos e despois xorde unha útil guía de procura en castelán.Tras pasear pola verba gremial, o libro segue a ofrecernos apartados moi entretidos como o que dedica a escritos e poemas en barallete ou á figura do afiador. Tamén preocúpase o autor nun “capituliño” dos termos en barallete sobre os naipes (paus, expresións, etc.). Son tamén tratadas nesta dinámica obra: frases, expresións, curiosidades sobre os afiadores, ditos populares ou acepcións en diferentes dicionarios sobre o barallete. 

Completan o libro as referencias bibliográficas, os agradecementos, unha descrición tanto do escudo como da bandeira do Concello de Nogueira de Ramuín, onde aparece a roda do afiador e paraugueiro, e ata unha fe de erratas adherida ao volume, como se facía antigamente. A destacar as belidas ilustracións a cargo de David Rodríguez Lorenzo que enmarcan unha obra moi gustosa, didáctica e de valor.

Monumento ao afiador // Fonte: http://www.galiciaenfotos.com/afilador-y-paraguero/)

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 1 Average: 5]
Comparte!
Voltar arriba