850 anos do Foro de Pontevedra

850 anos do Foro de Pontevedra

Durante o reinado de Fernando II, monarca de Galicia, concédese a Pontevedra o foro mediante o cal, poderiamos dicir, se asentan os alicerces do gran despegue como cidade portuaria que gozaría a vila do Lérez. Isto sucedeu no ano 1169, polo que este ano cúmprense 850 anos da elaboración da carta foral. No entanto, é sabido que o documento conservado no Museo Provincial de Pontevedra non é o orixinal senón que se trata dunha confirmación rexia de 1264 por parte de Afonso X o Sabio que acolle o contido íntegro deste importante privilexio.

Con motivo desta efeméride saíu á luz unha publicación colectiva editada polo Concello de Pontevedra e coordinada por Xosé Abilleira Sanmartín onde se recollen, ademais da tradución do pergameo, até once estudos sobre o Foro de Pontevedra a cargo de varios estudosos. O libro tamén inclúe un glosario básico do texto ao remate  da obra e tres pequenas introducións realizadas polo alcalde de Pontevedra, a concelleira de Cultura e o coordinador do libro.

A lectura deste interesante traballo dá comezo co texto latino do foro e a súa tradución por parte de Xosé Abilleira Sanmartín. A continuación, no capítulo a cargo de Mercedes López-Mayán, ofrecésenos profundar nun maior coñecemento das características físicas do pergameo así como do  contido da carta foral. Deste xeito, dísenos que o documento conservado mide 580X540 mm con plica inferior de 82mm. Posuía un selo de chumbo, hoxe en día perdido, e anótase que o seu estado de conservación non é demasiado bo. Trátase dun documento rodado de confirmación. O escrito orixinal foi corroborado por reis posteriores a Fernando II pero só o de Afonso X posúe o texto do foro. Mediante este privilexio, que outorgaba a categoría urbana, os habitantes do territorio beneficiario libraban de pagar as cargas señoriais e feudais. Outros detalles contidos neste capítulo son as cores das tintas, a letra empregada, as decoracións, etc.

O documento custodiado no museo está escrito en Latín, no tocante á copia contida do foro, e en castelán o resto. Isto é claro exemplo, tal e como sinala a autora, da vernacularización experimentada pola chancelería castelán-leonesa. A primeira parte que compón o manuscrito está formada polo protocolo inicial, a identificación do destinatario e a identificación do autor xurídico. Unha segunda parte constitúe o corpo do documento e a terceira a forma o protocolo final. O feito de conter un signo rodado daba validez ao privilexio. Cómpre anotar que este primeiro capítulo contén un anexo onde se ofrece a transcrición do devandito privilexio.

Coñecido o documento, os seguintes capítulos a cargo de diferentes especialistas, versan sobre varios aspectos que o envolven e tamén sobre a Pontevedra da época; iso si, sempre dende unha visión que supera os localismos e busca o enfoque galego e mesmo internacional. Resulta moi proveitosa a lectura e a descuberta de aspectos relacionados coa cartografía en tempos de Fernando II, tanto no mundo europeo como no árabe, ou  a situación da fronteira con Portugal no século XII, capítulo onde se nos fala sobre o mítico castelo pontevedrés de Cedofeita. As páxinas sucédense explorando realidades tales como a fundación das principais vilas galegas de beiramar; a orixe das comunidades de mareantes; aspectos sobre a raíña dona Urraca; a relación entre o texto histórico e a memoria; o signo rodado nos documentos rexios ou o latín arromanzado que atopamos no pergameo pontevedrés.

Os nomes encargados dos diferentes estudos son, xunto aos devanditos Xosé Abilleira e Mercedes López-Mayán: Alberte Lago Villaverde, Anselmo López Carreira, Francisco Calo Lourido, Ana Acuña, Francisco Rodríguez Sánchez, Cilia Torna, Silvia Cernadas Martínez, Miguel García Fernández, Marina Aurora Garzón Fernández e Ricardo Pichel Gotérrez.

En definitiva este libro supón unha ferramenta axeitada e moi didáctica para penetrarnos nun momento e nunha época concreta da nosa historia que necesitaba dunha revisión e unha posta a punto, xa que o último traballo acerca do foro databa de 1942. A obra xa foi presentada na Casa da Cultura de Lérez, nun acto organizado pola Asociación Cultural Cedofeita,  e tamén no Museo Provincial tratando de achegar o coñecemento sobre tan importante episodio á cidadanía. Unha efeméride que será recordada do mellor xeito posible: a publicación dun libro que testifica a súa importancia.

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba