Un encontro coa igrexa de Santa María de Mixós

Un encontro coa igrexa de Santa María de Mixós

Igrexa de Santa María de Mixós. // Foto: Mateo Fontán Couto)

Cheguei camiñando, a través dun tramo da vetusta Vía da Prata, até ese fano con sona prerrománica que é Santa María de Mixós. O camiño desembocou de forma directa na contemplación do templo, que agardaba no soño dese día agrisado e chuvioso. Deseguido preguntei a un tipo, recentemente aparcado diante de min, sobre a posibilidade de visitar a igrexa e foi entón cando escoitei o nome de Nelson: o encargado que dispuña da chave. O home indicoume a casa do tal Nelson mais puiden observar que na porta da igrexa  aparecía o seu teléfono para poder concertar unha visita; chameino.

–Estou en Verín,  tes présa?, en quince minutos estou aí. 

Botei un ollo rápido ao adro e ás casiñas do minúsculo poboado, resulta ser un sitio encantador, dos que sosteñen con dignidade a condena da extinción. Apareceu un home moreno e aínda novo, cunha expresión sinxela e amable. Era Nelson, aínda que enseguida matizou, creando un ambiente de confianza, que podía chamarlle “Fiti”. Á visita uniríase un can, o cal actuou de anfitrión cando dei chegado ao lugar.

Fiti, xunto a súa nai de avanzada idade, son os custodios da chave que abre as portas da igrexa, tal e como ocorre en tantos sitios rurais do país. Coido que sería interesante e de xustiza a realización dun traballo sobre estas persoas que portan chaves especiais, das que conducen á historia, á arte, aos costumes  e aos sentimentos relixiosos. O caso é que Fiti é un apaixonado destas cousas, como el mesmo afirma. Foi un cicerone excepcional, con el a visita gañou en tódolos aspectos que se me poidan ocorrer.

A igrexa de Santa María de Mixós posúe na actualidade unha soa nave rectangular con cabeceira de tres ábsidas. Accédese ao interior mediante un arco oxival situado no costado sur da edificación. Unha vez dentro xorde a imaxe coñecida nos libros, mais posúe un sabor diferente devido ao directo da sensación. Xa adaptado á escuridade do lugar, e axudado por Fiti cando prende as luces, puiden observar os característicos arcos de ferradura, cubertos por bóvedas de ladrillo, que anteceden aos altares situados nas ábsidas. Destes tres altares dous posúen, a xeito de base, aras romanas; a do norte é anepigráfica, decorada con listeis, arcos, aspas e dentes de lobo; acerca desta ara existen dúbidas sobre o seu período de feitura e mesmo sobre se se trataría realmente dunha ara. A do altar central está consagrada ao deus guerreiro Bandua. Neste mesmo altar central consérvanse os restos dunha pintura que representaría moi probablemente á Trindade xunto ao Tetramorfos. Mais estas son cousas sabidas. Menos coñecidos son os datos sobre as imaxes que alí gobernan e que me contou o meu guía particular.

No altar norte atópase a antiga talla da Virxe das Virtudes. Segundo Fiti a esta imaxe encomendábanse as mulleres para poder dar leite, devido a isto tamén é coñecida como a Virxe do Leite, malia que a iconografía da talla non se corresponda. De feito, lendo o imprescindible trallo de Xaquín Lorenzo o noso “Xocas” no número 2 do Boletín Auriense descubrimos que Mixós foi parroquia co nome de Nosa Señora das Virtudes, sendo un coto polo menos dende 1715 até 1893. Meu interlocutor contoume que, animados a recuperar a tradición, a súa dona encomendouse á Virxe e o meniño destes mamou durante dezasete meses. Ao lado dereito da Virxe puiden apreciar un Neno Xesús bendicinte. 

No altar central sitúase un crucificado que ostenta a categoría de patrón do lugar. Trátase dunha talla moi interesante. Non está proporcionada e o seu tratamento suxire unha feitura en tempos do gótico tardío: é un Cristo morto con abundante sangue, cabeza inclinada cara a dereita, rostro pouco expresivo, boca e ollos pechados, adiantamento do xeonllo, ventre deprimido e pano de pureza anoado á esquerda; atópase crucificado con tres cravos e posúe a característica coroa de espiñas que substitúe á coroa real a partir do século XIV. A imaxe está sobre as andas usadas para a a procesión mais Fiti faime saber que na actualidade non sae por mor da súa mellor conservación. No seu lugar sácase outro Cristo, situado no lado do Evanxeo, de feitura máis moderna. Escoltando ao crucificado no altar están dúas pequenas e antigas representacións de san Brais e san Rosendo, este último testemuñaría o período de anexión ao  mosteiro de Celanova.

Cristo crucificado // Foto: Mateo Fontán Couto

No altar que nos resta comentar atópase a talla da Virxe dos Remedios, sobre un moble litúrxico e escoltada por dous anxos. Esta imaxe acompaña ao Cristo durante a procesión, o día do patrón. Cóntame o guía que a orixinal foi presa do lume polo que a actual é unha réplica. Faloume Fiti dun interesante achado detrás deste altar: unha morea de bolsas de lino con terra dentro. Isto responde a un ritual dos de curación explicado no traballo de Xaquín Lorenzo, porén nese artigo dise, que tras realizar labores arqueolóxicas, as bolsas saíron detrás do altar da ábsida correspondente ao lado do Evanxeo. Ou ben tratouse dun lapsus do bo de Fiti ou tal vez as bolsiñas encontrábanse nos dous altares. Postos a complicar o asunto, na memoria de escavación asinada por Xocas e Chivite dise que estas bolsiñas saíron no altar do Cristo.

No devandito traballo sobre esta igrexa de Xocas infórmasenos do avanzado estado de abandono no que se atopaba o monumento e tamén das labores de restauración acometidas, tamén fai referencia sobre a escavación arqueolóxica que el mesmo realizou xunto a Taboada Chivite en 1960. Nas fotos que acompañan ao interesante traballo non se ve ningunha das imaxes relixiosas das que estamos a falar, nin tampouco se fai referencia algunha a elas.

Quedarían moitos elementos por sinalar do interior desta alfaia: a pía bautismal con restos cromático a cal, retomando a tradición, volve servir para  bautizar aos neno e nenas; as interesantes ménsulas con rosáceas nos costados que puideron soportar, na súa localización primitiva, a un coro; o pequeno rosetón; un pendón de grandes dimensións utilizado na procesión… 

Pía bautismal // Foto: Mateo Fontán Couto

O mesmo acontece fóra do templo onde Fiti continúa a darme detalles: os arcos de ferradura das xanelas, as escaleiras externas que levan ao campanario, as múltiples marcas de canteiro inscritas nos perpiaños, as pedras saíntes de territorio. O certo é que nas casas do pobo atópanse múltiples elementos construtivos de diferente época, pedras e perpiaños que abofé formaron parte do mosteiro que existiu asociado á igrexa  e a esta mesma. Así, nas precisas indicacións de Fiti, os meus ollos atópanse con arcos, dovelas, xambas, pedras con sogueados, partes de columnas, molduras ou mesmo un escudo heráldico, o dos Biedma coas súas características oito caldeiras, posto do revés. 

Elementos construtivos nas casas // Foto: Mateo Fontán Couto

Chama a atención a tampa dun sartego colocada enriba do muro do adro. Representa a un monxe guerreiro identificado pola tonsura e o elemento bélico da espada. Cóntame Fiti dos seus esforzos para levalo ao interior do templo e así estar máis protexido. Nese mesmo muro sinálame unha pedra con cazoliñas que na súa colocación actual asemellan parte da constelación do Carro ou Osa Maior. Para acceder ao recinto sagrado do camposanto Fiti repara no paso que facía deter aos animais… nada se lle escapa a este home amable que sabe impregnar de emoción a canto nos rodea. 

Tampa de sartego // Foto: Mateo Fontán Couto

Non cabe dúbida que foi un encontro cheo de emotividade. Santa María de Mixós agocha elementos singulares que falan de diferentes épocas construtivas antes de que estoupara ese estilo tan noso que é o románico. Os elementos mozárabes, asturianos e outros dotan a esta construción dun merecido posto no ranquin dos imprescindibles para visitar, e se pode ser con Nelson e o seu cadelo mellor que mellor.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 7 Average: 3.7]
Comparte!
Voltar arriba