Proxección de ‘Longa Noite’. Cineclube Pontevedra

Proxección de ‘Longa Noite’. Cineclube Pontevedra

O Cineclube despide o ano cineclubeiro coa proxección de LONGA NOITE (Eloy Enciso, 2019) o martes 1 de decembro ás 20 h no Teatro Principal de Pontevedra, en colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia. A proxección será de balde para todas as persoas asistentes, que poderán recoller as entradas o propio martes a partir das 19 h da tarde na billeteira do teatro.

Durante a posguerra española, Anxo regresa ao seu pobo no interior da Galiza. Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere lembrar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invaden o presente.

Enciso (Meira, 1975) asina con Longa noite unha orixinal indagación na posguerra española apoiada en textos de Max Aub, Luis Seoane, Alfonso Sastre, Ramón de Valenzuela ou Rodolfo Fogwill, e cun grandísimo traballo de fotografía da man de Mauro Herce.

Longa noite, que clausurou a pasada edición de Novos Cinemas e percorreu outros importantes festivais internacionais: Sevilla, Nova York, Toronto ou Locarno —onde recibiu o premio da crítica especializada á Mellor Dirección—, érguese, sen dúbida, coma un dos títulos fundamentais de 2019.

A Xunta Directiva da asociación quere agradecer todas as mostras de apoio recibidas nestes últimos meses atravesados por protocolos Covid, toques de queda, cambios de aforo, horario e incertezas varias. Grazas a todas as que vos fixestes socias durante esta tempada e ás que continuades a selo, ás que asististes ás sesións e ás que habedes volver cando desaparezan os peches perimetrais ou cando vos sintades seguras. Grazas por apoiarnos en tempos tan hostís para a cultura e o asociacionismo. E grazas por facer evidente que, á parte dun ben esencial, a cultura é segura.

Agardamos que os luns e os martes de cineclube vos fixesen estas semanas un pouquiño máis agradables.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba