Unha exposición na Historia: ‘Entre Dúas Augas. Pontevedra 1930 – 1940’

(Fonte: Páxina de Facebook Arquivo Municipal de Pontevedra Sotelo) 

Todo deu comezo coa inauguración da mostra, no Palacio de Exposicións e Congresos, o día trinta de abril. No entanto, a cousa viña dun gran traballo e esforzo previos que, tal vez, fan da exposición “Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940” a máis ambiciosa promovida polo Arquivo Municipal e unha das mellores, nos últimos tempos, sobre a historia da capital pontevedresa.

Os principais “culpables” da iniciativa foron nomes coñecidos: Enrique Sotelo Resurrección dirixe o Arquivo Municipal de Pontevedra desde hai anos. Posúe o acougo e o rigor no traballo dos bos arquiveiros. Foi comisario doutras mostras sobre aspectos da Boa Vila. Autor de artigos e obras de valía como Pontevedra, villa amurallada –en coautoría con Antonio de la Peña e Juán Juega–; A Pontevedra de 1560-1563 e Pontevedra, 1840-1915, libros que transcriben as sesións municipais durante eses períodos e constitúen unha útil ferramenta para a investigación; ou tamén o interesante traballo que asinou xunto a Roberto Taboada sobre as fontes de ferro en Pontevedra. 

Precisamente do arquivo persoal de Roberto Taboada Rivadulla saíu a maioría de documentos que nutriron á mostra. O ex concelleiro e parlamentario galego atesoura un rico patrimonio documental e gráfico que abrangue diferentes temáticas e que, sempre que se pode, agroma en forma de publicación ou mostra; sirva de  exemplo a exposición, en xaneiro de 2018, de título “Las tres décadas de oro del Colón gallego (1899-1930)” que acolleu a actual sede de Turismo Rías Baixas.

Foto: Mateo Fontán Couto

Outro responsable directo foi Lino J. Pazos, eminente historiador de todo aquilo que teña que ver co mundo marítimo, do que nada lle resulta alleo. Con máis dunha trintena de libros ás costas, Lino J. Pazos é un prolífico estudoso e divulgador das embarcacións, os naufraxios, os faros e tantos outros aspectos do mar. A obra Veleros en el tráfico marítimo con Cuba: 1800-1900 sirve de perfecto exemplo da dedicación coa que se entrega á investigación, traballo que ben podía valer un doutorado. Á súa autoría tamén se debe a obra Castelao entre nós, 1975-1986 e unha morea de artigos. Supón, á súa vez, un gran dinamizador cultural.

Co cadro presentado, resta comentar en que consistiu a exposición: 360 documentos, fotos e obxectos para ilustrar a década entre 1930 e 1940 en Pontevedra. Aos fondos persoais de Taboada e Pazos temos que engadir os saídos do Arquivo Municipal de Pontevedra. A mostra, ampla e exixente de tempo para o visitante, dividiuse en nove categorías: 

A – POLÍTICA E ELECCIÓNS

B – GOLPE DE ESTADO E GUERRA

C – INSTITUCIÓNS CULTURAIS, INVESTIGACIÓN, FESTAS, PROCESIÓNS, DEPORTES, ETC.

D – ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS (ANUNCIOS, FACTURAS)

E – PERSONAXES, ACONTECEMENTOS…

F – PROPAGANDA REPUBLICANA E FRANQUISTA

G – MOEDAS, BILLETES, LETRAS DE CAMBIO, BANCOS…

H – O GOBERNO DA CIDADE

I – SANIDADE

Unha completa diagnose, polo tanto, dunha época que confrontou dúas maneiras moi diferentes de facer as cousas: a da República e a da ditadura franquista. Mostra aséptica, moi baseada no valor do documento e a edición de fontes. O dato rigoroso e a curiosidade dialogan sobre unha etapa crítica na historia recente da cidade. O visitante, sobre todo o de certa idade, sentíase removido, para ben ou para mal,  ante o recordo que lle traía unha fotografía ou un cromo e podía descubrir datos esclarecedores en forma de misivas ou contemplar ilustradores obxectos.

Son os tempos da caída de Primo de Rivera e a denominada “ditabranda”, do Bienio Negro; a chegada da Segunda República Española, do franquismo, da represión… Contexto para unha cidade que ve como os acontecementos moldean o seu urbanismo e a vida cultural, social ou económica.

Mais a exposición foi o eixo central sobre o que xiraron outras actividades como o relatorio, o once de xuño, a cargo de Anxo Serafín Porto Ucha sobre “Dous modelos educativos: a escola republicana e a do nacional-catolicismo”ou a representación “A Lola” levada a cabo por Avelaiña Teatro o vinte e oito de xuño.

O dezaoito de xuño presentábase o catálogo da mostra na Casa da Luz. Un libro necesario para testemuñar á exposición. Cunha edición coidada, con tapa dura e nun suxestivo vermello, o catálogo componse dunha presentación do alcalde Lores; un pequeno texto sobre a exposición a xeito de limiar; unha introdución baseada nun feixe de publicacións (sobre todo a Historia de Pontevedra publicada por Vía Láctea) e o conxunto de imaxes que respecta a división da mostra. 

Cómpre recordar que a exposición foi dedicada ao gran historiador galego Juan Juega Puig, ao que Pontevedra aínda débelle un xusto recoñecemento, tal vez en forma dun premio e unhas xornadas.

Concluída o pasado sete de xullo, a exposición “Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940” xa está na historia dos eventos culturais celebrados con éxito na axenda deste 2019. Quen sabe se nun futuro será outra mostra a que recorde unha época tan determinante no devir dunha cidade e máis dun país enteiro, se así ocorre non terá máis remedio, e mellor axuda, que fixarse no ronsel desta magnífica mostra.

Foto: Mateo Fontán Couto
Comparte!!!

Relacionados