Nova Monografía e Xornadas sobre o Entroido

Imaxe: https://www.imosver.com/es/libro/antroidos-e-mascaras-na-galiza-rural_0010230307

(El texto está escrito en galego, se respeta el idioma de origen)

O xornal Sermos Galiza edita «De Nós». Monografías con perspectiva galega. A número catro, saída o mes pasado, leva por título Antroidos e mascaras na Galiza rural. Este traballo, a cargo de Alfonso García Santos, supón unha atractiva publicación tanto no formato do libro, como no tocante ao seu contido para achegarnos a unha das celebracións máis variadas e singulares que temos, tinxida de rituais ancestrais.

O Entroido galego posúe leis propias. Os seus variados ritos son cousa moi seria alí onde se producen. Os elementos que compoñen este mundo (máscaras, sons, danzas, lume, adobíos, etc.) dan vida e dotan de significación a esta festa chea de matices onde a participación da comunidade resulta fundamental. Os crecentes estudos e o impagable traballo de diferentes asociacións na recuperación dos vellos entroidos fan que miremos con optimismo cara o futuro. Pola contra, o éxodo do campo á cidade, o turismo masivo e outros factores actuais poden levar a desvirtuar ou por en perigo a continuidade de tan fermosos acontecementos.

Foto: Mateo Fontán Couto

O libro está composto por suxestivas fotografías, cargadas moitas delas dunha fermosura case telúrica, e apoiadas por pequenos textos ilustrativos. Felipe Senén escribe o limiar da obra. A continuación desprégase o desfile carnavalesco: Xenerais da Ulla, o Exercito dos Panos; Vixigueiros de Samede; Madamas e Galáns de Cobres; os diferentes Felos e Boteiros; Peliqueiros de Laza e de Campobecerros; os Vergalleiros de Sarreaus e as Vergalleiras das Teixugueiras, as cales comparten protagonismo co Meco; o Oso de Salcedo; a Morena de Matamá e a de Laza; o Boi da Veiga; os Folións e varios outros entroidos máis, todos de gran interese e con particularidades. García Santos, con trinta anos ás costas fotografando entroidos, agasállanos con instantáneas que aportan valor documental e artístico.

Doutra banda, os días 15  e 16 de marzo celebráronse en Pontevedra, nas instalacións do Centro de Interpretación das Torres Arzobispais (CITA), as VII Xornadas sobre o Entroido de Galiza. Organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), constitúen unha cita única no eido da divulgación sobre o tema.

Imaxe tomada do blog da SAGA: https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/

Tras a apertura das xornadas, a cargo de Rafael Quintía, a primeira charla versou sobre o teatro popular no Entroido de Pazos de Bordén, e foi compartida por Guillerme Ignacio e Xosé Anxo Rosales. O aspecto teatral dos entroidos estase a perder, por isto testemuños como o de a señora Nieves, que os poñentes presentaron nun vídeo, resultan dun gran valor para o seu estudo e posible recuperación. Outros materiais audiovisuais antigos da aldea de Amoedo e pinceladas sobre zonas onde atopar este elemento teatral completaron o relatorio. Pedro Basalo falou da historia recente da figura do Boteiro de Viana do Bolo, onde factores como o illamento territorial cobra gran importancia na conserva da tradición e as súas variantes nas aldeas próximas. A última disertación da xornada titulouse «As máscaras no Entroido ourensán», por Xerardo Dasairas.

A xornada do sábado 16 deu comezo coa exposición dos traballos sobre o Entroido realizados pola SAGA, da man do seu presidente Rafael Quintía. Ao respecto, é de celebrar que moi pronto poderemos gozar dun novo número, o once, do Caderno de Campo que esta asociación edita, e que está dedicado, nos oito artigos que o conforman, integramente ao Entroido. Na web da SAGA poderase acceder a esta interesante publicación que tamén recolle as actividades desenvoltas pola agrupación.

Foto: Xornadas sobre o Entroido // Mateo Fontán Couto

A charla de Emilia Cagiao, que apareceu caracterizada, versou sobre o Entroido de Samede. Falouse da recuperación, fai catro anos, da muiñeira cruzada; da figura do Carolo e a dos  Contrarios; do roubo do pino e a característica rivalidade entre aldeas; amosáronse mascaras… O derradeiro relatorio das xornadas estivo a cargo da arqueóloga portuguesa Patricia Cordeiro, a cal achegou algo da historia e novas sobre o Carnaval de Podence, co Careto como protagonista, e o traballo para convertelo en Patrimonio cultural inmaterial da Humanidade. Unha interesante mostra fotográfica instalada no propio CITA complementou a estas xornadas

As conferencias foron gravadas. É probable, como adoitan facer, que pronto  se poidan ver na web da SAGA. Por isto, remito a ela a quen estea interesado, e só quédame felicitar a esta asociación polo gran traballo que están a realizar.

Comparte!!!

Relacionados