O Valle Inclán Pontevedrés

Escultura de Valle-Inclán en Pontevedra (Imaxe: Mateo Fontán Couto)

A escultura de Valle-Inclán sita na Praza de Méndez Núñez goza de moita atracción entre os visitantes da nosa cidade. É común atoparse a alguén fotografándose con ela; do mesmo xeito, a estatua posúe sona entre os pontevedreses e, ás veces,  engalánase para as festas ou «vístese» con motivo artístico, publicitario ou reivindicativo. Lamentablemente, o monumento a este xenio das letras tamén foi vítima de agresións en varias ocasións, pois é sabido que de todo hai na viña do Señor.

A obra foi realizada en bronce por César Lombera, inaugurada en 2003. Este autor tamén fixera a escultura do mesmo personaxe que se atopa sentada nun banco no Paseo dos Leóns en Santiago de Compostela. Por isto, ámbalas dúas estatuas amosan unha feitura moi parecida. Valle-Inclán amósase xa maior, con traxe, longa barba, lentes, e sen o brazo esquerdo perdido nunha disputa no Café de La Montaña de Madrid. A figura de Pontevedra ademais leva bastón e sombreiro; móstrase como saíndo da casa dos Muruais, onde o escritor acudía habitualmente ao  faladoiro que alí se celebraba e a desfrutar da magnífica biblioteca –sobre todo de literatura francesa– conservada neste importante fogar da época.

Unha época aquela –último cuarto do século XIX– especialmente dourada para Pontevedra, sendo unha cidade de relevancia no plano político e cultural. O ambiente na Boa Vila mudara tanto na súa faciana física ou urbana como no ambiente de acción cultural reflectido nas festas ou na creación de importantes institucións nos planos da educación ou a investigación. Ademais contábase cunha nutrida colección de publicacións periódicas de diversa índole, saídas do prelo das importantes imprentas pontevedresas. A isto, cabe engadir a nutrida nómina de personaxes de extraordinaria valía intelectual e capacidade de traballo

 

Ramón María del Valle-Inclán veu a Pontevedra a realizar o bacharelato no curso 1877-1878, obtendo o grao no exercicio 1893-1895 (realizaríao entre Pontevedra e Santiago). Entre 1888 e 1890 prodúcese outra estadía na cidade do Lérez por parte do xove Valle. Unha nova etapa viría en 1892, ano no que tamén realizará a súa viaxe por América –México e Cuba–, transcendental na biografía do escritor. É agora cando comeza a escribir en diarios da cidade ou a dar charlas como a que ofreceu sobre ocultismo, tema ligado á complexa personalidade do persoeiro. Unha derradeira época na nosa cidade situaríao entre 1893 e 1895; neste último ano publica a súa primeira novela Femeninas na imprenta Andrés Landín e prologada por Murguía, fito importante do que Pontevedra pode oufanarse. Máis adiante, Valle-Inclán instalarase en Madrid. A placa na súa casa da praza das Cinco Rúas recórdanos a estadía deste singularísimo personaxe na nosa cidade.     

Sempre que paso por diante da escultura de Valle-Inclán en Pontevedra non podo evitar pensar en que a imaxe que representou César Lombera non se corresponde coa que o escritor posuía  en aquela etapa da súa vida. Sen dúbida, trataríase dun Valle mais novo, con barba longa aínda que seguramente menos pronunciada, podendo vestir con poncho e sombreiro charro –como influencia da súa viaxe a América– e mantería os dous brazos. Puiden comprobar nunha contraportada de Ramón Rozas no Diario de Pontevedra que, por suposto, non era o único que tiña esa impresión. Con todo, a icona de Valle-Inclán foi dende moi cedo representada, debuxada e caricaturizada infinidade de veces, sendo un tema sobre o que se ten traballado con profundidade –como moitos outros relacionados co escritor e o personaxe– alén da elaboración de mostras e exposicións. Este ano conmemórase o 150 aniversario do nacemento deste xenio universal, cómpre non esquecer o seu legado así como a  súa apaixonante –e novelada– biografía.

Escultura de Valle-Inclán en Santiago de Compostela (Imaxe: Antón Rey)

 

Para saber máis:

(Aparte das  moitas biografías e da propia obra do autor)

– NÚÑEZ SABARÍS, X.: Valle-Inclán en el fin de siglo: Femeninas, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2005.

– ROZAS, R.: «Sonata de estío», La vida en un hilo (contraportada do Diario de Pontevedra 20-7-2013).

– SERRANO ALONSO, J., DE JUAN BOLUFER, A.: Valle-Inclán dibujado/debuxado. Caricaturas y retratos del escritor (1888-1936), Catálogo da exposición no Museo de Pontevedra, 2009.

– VV.AA.: Valle-Inclán e Pontevedra, catálogo da exposición no Pazo de Mugartegui, 2003.

– VV.AA.: Retratos de Valle-Inclán, catálogo da exposición no Museo de Pontevedra,  2011.

 

Comparte!!!

Relacionados