Foto: Mateo Fontán Couto
(El texto está escrito en galego, se respeta el idioma de origen)
Presentouse o pasado mes de decembro no Casal de Ferreirós de Poio unha nova monografía sobre cruceiros, esta vez ocupándose dos do Conxunto Histórico Artístico de Combarro. O libro foi editado polo Concello de Poio coa autoría de Andrés Dacosta Paz.
Trátase doutra ollada sobre o rico patrimonio cultural de Combarro, complementando anteriores publicacións, máis ou menos recentes, coma a Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro escrita por Rafael Vallejo e publicada pola Deputación de Pontevedra en 2017.
Nas setenta e dúas páxinas da obra procurase un percorrido polas rúas empedradas de tan cantada poboación; rúas salgadas pola acción do mar, sementadas de hórreos -ou palleiras como ben anota o autor que gustan de chamar en Combarro- e de casas terreñas, labregas e con sobrado, estas últimas de peculiar sabor tradicional para a vila. Son tamén camiños onde topar con fermosos cruceiros.
O libro estrutúrase en tres partes. Unha primeira dedicada a contextualizar, de forma áxil e moi correcta, a xeografía e o urbanismo do lugar. A segunda parte ofrece unha introdución ás características máis importantes dos cruceiros galegos, tamén se fala dos cruceiros suxeitos a estudo así como se ofrecen unhas pinceladas sobre outros fora do Conxunto Histórico. A última e máis ampla parte analiza de xeito pormenorizado cada un destes testemuños pétreos, atendendo a seus aspectos formais, simbólicos e a outros.
Son nove os cruceiros tratados no libro: de Chousa (da Ghurita ou de Abaixo) o cal constitúe o primeiro rexistro escrito sobre un cruceiro en Combarro; do Campo (de San Roque ou de Arriba) coa data de 1802 e o enigma do nome de María; cruceiro do Adro coa lendaria Virxe de Renda no seu reverso; da Rúa que é o máis accidentado de cantos se fala; da Fonte denominado antigamente “cruceiro de Combarro” que foi desprazado do seu sitio orixinal; de Pedaporta cuxo nome foi mudando ao longo do tempo; da Ruabeira de 1857 tal e como reza unha gastada inscrición; do Padrón cuxa feitura e de 1997 e polo tanto trátase do máis novo de cantos se describen, e o cruceiro das Mosquiñas que tamén se chamou da Florida e atopámolo fora do sitio orixinal.
A descrición destes cruceiros é concisa e amena, chea de información. Con respecto aos posibles pedreiros que puideran realizar algunha destas cruces o autor tan só aventura dous nomes que son os de Antonio Santa Baya e o de Bernardo Piñeiro. Temos como segura a autoría de Eladio Malvar Covelo para o cruceiro do Padrón. Sen embargo, apórtanse nomes de promotores e outros varios datos de interese.
Respecto das fontes primarias empregadas polo autor, destaca a importancia da documentación saída do mosteiro de Poio, sobre todo os documentos forais. Cabe lembrar que Combarro pasou séculos baixo o señorío deste importante mosteiro. Así mesmo, é xusto destacar as fotografías e composicións realizadas por Andrés Dacosta Martínez que ilustran a obra, xunto aos debuxos rescatados de Castelao ou Carlos Sobrino e as fermosas fotografías de Zagala e Otto Wunderlich, entre outras; deste xeito, o libro conta cunha coidada e didáctica parte gráfica. Recomendable lectura para os amantes destas manifestacións tan nosas como son os cruceiros.