(El texto está escrito en gallego, se respeta el idioma de origen)
O Concello de Bueu quere dar un paso adiante na organización de actividades que leven a cultura ao rural, e por iso este ano serán protagonistas os lugares de Sanamedio, Cela e Meiro, onde están programados diversos actos conmemorativos das Letras Galegas, cando se homenaxea a Antón Fraguas. Durante a rolda de prensa celebrada este mércores, Xosé Leal, concelleiro de cultura destacou que “é importante a convivencia entre as diversas xeracións”. No acto estiveron presentes integrantes de todos os colectivos implicados, como a Asociación Cultural de Sanamedio, a Asociación Cultural Costumes de Cela, o grupo Pais de San Roque, a Comisión de Festas de Cela, e da Asociación Veciñal de Meiro.
En Sanamedio
A Romaría de Sanamedio, organizada pola Asociación Cultural de Sanamedio, a Banda de Gaitas Os Liboreiros e o Grupo de Danzas Pais de San Roque, arrancará ás 12 horas da mañá no parque da Antiga Escola Unitaria e ofrecerá unha gran diversidade de actividades a favor da lingua, da tradición e da cultura galegas. O encargado de ler o pregón será Guillerme Ignacio Costa, unha persoa moi vinculada coa labor de investigación no eido da tradición e nado na parroquia de Beluso. Ademais actuarán ao longo da xornada o grupo folclórico Meiramar Axóuxeres (Moaña), o grupo de danzas Pais de San Roque (Cangas), o grupo de gaitas Os Liboreiros (Bueu), o grupo Retrouso (Bueu), a A.C.D Xuntanza de Randufe (Tui), as pandereteiras As Falcatrueiras (Cangas) e Os Mulos (Bueu).
Ás 13.30 h, farase unha lectura pública da biografía de Antón Fraguas e de textos doutros homenaxeados nas Letras Galegas, dando paso ás dúas a xogos populares, polo que os e as participantes poderán probar a corda, os aros, os zancos, os sacos, o tiro á chave, a xincana…
Pola tarde, ás 15.45 h, o grupo Polo Correo do Vento ofrecerá unha sesión de animación infantil con contacontos e debuxos, seguido de actuacións musicais diversas. Xa ao remate, o concelleiro Xosé Leal fará entrega de agasallos ás agrupacións participantes. Ademais, no recinto haberá servizo de cantina, postos artesáns, tómbola, sorteos e intercambio de libros de segunda man.
En Cela
Na parroquia de Cela, o Concello de Bueu (coa colaboración da Comisión de Festas Patronais de Cela, a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura e Turismo) organiza o 16 de maio ás 21.30 h “Sons no Eirado”, co que se potenciará a cultura e tradición musical galega. Así, comezará coa actuación de Blues do País, dúo formado por Bieitta James e Pepe King que unirán as raíces do blues e soul americano coa música galega.
Ás 23 h será a quenda da banda Xangai, un grupo no que conflúen nomes importantes da música galega, de bandas xermolo do movemento Bravú e posteriores como Os Diplomáticos de Montealto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), Gharbanzo Neghro (Nacho), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano), etc. A banda Xangai é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña.
Ao día seguinte, a Asociación Cultural Costumes de Cela organiza ás cinco da tarde, o acto de entrega dos premios do 1º Concurso de Micorrelatos e do concurso de debuxos para nenos/as de primaria, que será presentado por Diana Vilas, mestra do IES Illa de Ons. A actividade celebrarase no Adro de Cela e contará coa animación do grupo de baile tradicional Recordos da Nosa Terra.
E na Axencia de Lectura de Meiro
A Axencia de Lectura de Meiro acolle o 14 de maio, ás 20.00 h, un coloquio de Daniel Asorey, quen falará sobre as súas recentes publicacións: Transmatria, poemario gañador do XXI Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu, e As mulleres da fin do mundo. Continúan as actividades o 18 de maio co tradicional recital poético que se celebrará ás 12 h e no que participarán Míriam Ferradáns, Ismael Ramos, Neves Gonzáleze Luis Chapela.
Por último, o 25 de maio, a editora Malores Villanueva presenta o libro Antonio Fraguas. Mestre da memoria, que recolle a biografía do homenaxeado deste ano, que foi un notario da realidade e un investigador incansable da cultura de Galicia. O acto terá lugar ás 12 h no salón de plenos da Casa Consistorial.