Programación de Mayo del Cineclube Pontevedra

RAINER WERNER FASSBINDER


MARTES 21 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

A RULETA CHINESA
Chinesisches Roulette, Rainer Werner Fassbinder, 1976, 86 min., VOSE
Lingua orixinal: Alemán


A ruleta chinesa é unha parábola sobre o mundo burgués, os seus ritos e mentiras. Céntrase na historia de Angela, filla de pais ricos e liberais, cuxo odio cara a eles lévaa a tenderlles unha trampa para que unha fin de semana coincidan na súa casa de campo cos seus respectivos amantes. Trátase dun dos filmes máis sofisticados de Fassbinder. Levado pola idea de que as drogas axudarían a aumentar a súa creatividade, o director realiza unha obra caracterizada por un traballo de cámara exemplar e hipnótico: ao tempo que esta se desliza a través de personaxes que envolve unha e outra vez encadrándoos en poses moi estudadas, Fassbinder xoga con eles colocándoos como o faría quen xoga ao xadrez, sobre un taboleiro, para descubrir as relacións que se establecen entre todos. A artificialidade extrema do movemento de actores (coma efixies espectrais, apagadas, sen vida) e da cámara (chea de enerxía e vitalidade) deu lugar a unha auténtica coreografía das accións psicolóxicas dos personaxes onde cada travelling e en xeral cada plano gardan correspondencia coas súas actitudes.




MARTES 28 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


UN ANO CON TRECE LÚAS
In einem Jahr mit 13 Monden, 
Rainer Werner Fassbinder, 1978, 124 min., VOSE
Lingua orixinal: Alemán
*En colaboración co FLOP Cinema


Un ano con trece lúas é unha das obras mestras de Fassbinder. Filme excesivo, nado aparentemente baixo os auspicios dun mélo fúnebre, remata por revelarse coma unha historia escura sobre o corpo, dun rigor formal e unha intensidade narrativa absolutas. Nel relátanse uns días da vida de Elvira. Elvira atravesando as rúas dun Francfort de pesadelo co adagietto de Mahler que aparece en Morte en Venecia, masturbándose sobre a cama coa música dun coro infantil, atopándose cun suicida coa soga ao pescozo ou xogando con Schopenhauer no patio dun convento onde pasou a infancia son algúns dos momentos máis delirantes do cinema moderno. Curioso filme, ademais, en que Fassbinder manexa guión, realización, cámara, montaxe e produción para conxugar un implacable melodrama sobre a identidade sexual e a marxinación.
(Domènec Font, La anarquía de la imaginación)



SESIÓNS DE FILMOTECA: MAIO, MES DA LINGUA
En colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia e co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra


MÉRCORES 15 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

TRINTA LUMES
Diana Toucedo, 2018, 80 min., VO


Entre o documental e a ficción, Trinta lumes transcorre nunha aldea da serra do Courel, onde «a vida non remata, senón que se transforma noutra cousa». O filme acompaña as rutinas diarias das súas xentes, tratando, ao tempo, de captar o imperceptible para o ollo humano. Nesta aldea vive Alba, unha moza de trece anos que quere descubrir o descoñecido, o misterioso e fascinante da morte. Coma tantas e tantos adolescentes, quere comprender aquilo que a rodea mais que non se revela de xeito evidente. A canda o seu mellor amigo, Samuel, entra en casas abandonadas, percorre lugares destruídos e adéntrase no interior duns montes que agochan un mundo paralelo. Unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte.


Trala súa première mundial no Festival de Berlín en 2018 e a súa estrea no estado español no Festival de Málaga, Trinta lumes obtivo un gran recoñecemento grazas ao seu paso por unha morea de festivais. Algúns deles:  Festival Internacional de Cine de San Sebastián, D´A Barcelona (Premio da Crítica), L´Alternativa, REC International Films Festival de Tarragona (Premio do Xurado Novo), Primavera do cine de Vigo (Mellor Longametraxe do Xurado), Filmadrid (Mellor Longametraxe Días de cine) ou Festival Novos Cinemas de Pontevedra (Premio do Público).


MÉRCORES 22 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO
Xiana do Teixeiro, 2018, 71 min., VO


Do persoal ao político, as vivencias de mulleres diversas evidencian o masculinizada e violenta que segue a ser a rúa hoxe en día. En tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca artellar un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Unha historia de sororidade universal. Un lugar de reflexión sobre a normalización da violencia. Sobre unha sociedade que nos substrae as ferramentas para reaccionar ante ela. E, sobre todo, sobre a utilización do medo, do terror sexual, como arma de control patriarcal.


L’Alternativa, Zinebi, Alcances, Mostra de Films de Dones, Primavera do Cine, Documenta Madrid ou Festival de Málaga son só algúns dos festivais que percorreu Tódalas mulleres que coñezo.


LUNS 27 | 20:00 | CASA DAS CAMPÁS
[Esta sesión comezará con máxima puntualidade, xa que o espazo pecha ás 21:30]

DHOGS
Andrés Goteira, 2017, 85 min.


Mentres un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dun último grolo, inconsciente do alude de acontecementos que a agardan nas seguintes horas. Unha fugaz aventura cun executivo será o preámbulo cara a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control.


Andrés Goteira arrasou coa súa ópera prima, Dhogs, nos Premios Mestre Mateo 2018, onde se fixo con trece galardóns. Foi ademais o primeiro filme en galego que se exhibe nos cincuenta anos de historia do Festival de Sitges, onde Goteira foi nomeado Mellor Director Emerxente.

Comparte!!!

Relacionados