A Maior Concentración De Ouro Prehistórico En Europa

Tesouro de Caldas I (Imaxe: / www.museo.depo.es )

Caldas de Reis é terra onde «nace» ouro, xa que dela proveñen dous tesouros –falando en termos arqueolóxicos teríamos que dicir depósitos– que hoxe en día podemos contemplar nas salas adicadas ás coleccións arqueolóxicas do Museo Provincial de Pontevedra. Son os tesouros de Caldas I e Caldas II; este último, formado por cincuenta e tres pequenas láminas de ouro enroscadas procedentes dunha diadema e un aplique cónico, encadrados na Idade do Bronce.

Sen embargo, a «fama» maior pertence ao magnífico depósito de Caldas I. A historia do seu descubrimento é digna de novelarse, ao xeito que fixo Miguel Delibes na súa obra “El tesoro”.

Resulta que o 20 de decembro de 1940 no lugar denominado As Silgadas, un grupo de xente traballaba en facer buratos para colocar postes de viña. Amalio Touceda Devesa, carpinteiro natural de Caldas, sería o afortunado descubridor do tesouro; ao darse conta de que o que estaba a desenterrar eran anacos de ouro e, despois, gran cantidade de aros feitos no mesmo material xunto con vasos e ata un peite, decide ocultar o descubrimento aos demais. Pero, rematando a xornada alguén máis decatárase do sucedido: Ignacio Maquieira.

Pronto estes dous veciños chegarán a un acordo para repartirse o botín a partes iguais; para elo non dubidaron en facer láminas para equiparar as partes. Ao parecer dun tesouro de 27 Kg. cada parte levouse 13,5 Kg. A partires de aquí cada un actuou a súa maneira. Amalio escondeu a súa parte nunha caixa de madeira debaixo da cama; tras asegurase de que o metal era ouro, tratou mediante un mediador familiar seu, de vendelo aos poucos. Realizou varias ventas adquirindo importantes sumas de diñeiro que iría invertendo en gando e agochando na casa. Pola súa parte, cando Ignacio poñíase bébedo polos bares de Caldas non podía evitar deixar caer comentarios como o de que na súa casa bebía por cuncas de ouro; isto, unido a outras circunstancias, levantou sospeitas na Garda Civil que ao final detívoo aos protagonistas e tamén a tódolos que o día da descuberta estiveran alí, incluso aos mediadores que colaboraron con Amalio na venda e a fundición das pezas de ouro.

Tras a devolución do que quedaba do depósito, Amalio tivo que indicar o lugar exacto do descubrimento para unha maior investigación que tería a Bouza Brey como encargado do asunto. Finalmente o que se conseguiu salvar do tesouro sería depositado no Museo de Pontevedra. Tras pasar un breve tempo na cadea e pagar a fianza, Amalio montou un bazar chamado “El Tesoro”, aínda que non lle foi ben e tivo que volver ao oficio de carpinteiro.

O conto ben sendo máis ou menos así, sen deterse en detalles, personaxes, e feitos que son os que outorgan certo carácter de thriller a esta historia da posguerra.

Pronto estes dous veciños chegarán a un acordo para repartirse o botín a partes iguais; para elo non dubidaron en facer láminas para equiparar as partes. Ao parecer dun tesouro de 27 Kg. cada parte levouse 13,5 Kg.

O depósito de Caldas I está composto actualmente por: un aro grande rematado en paletas, dezasete aros abertos de forma elíptica, un aro aberto de forma triangular, oito aros de forma elíptica e extremos cerrados, un aro de sección cadrada, tres anacos de barra, seis fragmentos dunha posible gargantilla, tres vasos con asa lateral (dous decorados) e un peite o cal estaba dentro do vaso meirande. O seu peso é de14,9 kg. aínda que en orixe andaría polos 25 kg. Tal acumulación de ouro non ten comparación na Península Ibérica e mesmo en Europa. O metal, de procedencia aluvial, é de gran pureza. Apareceu no substrato, a uns 20 cm. de profundidade, e son máis as preguntas que as respostas arredor deste conxunto de ourivería prehistórica. Dáselle unha ampla cronoloxía entre o terceiro e segundo milenio a. C. sen que de momento podamos adscribilo con seguranza ao momento do Bronce inicial ou final. Asemade, descoñecemos a intención do acubillo, puido ser unha acumulación de ouro ao longo do tempo, ou non…

Sexa como for, a contemplación deste tesouro de Caldas fala da fascinación do ouro no imaxinario social, tanto como elemento de riqueza coma de prestixio.

Para saber máis:
– DOMATO CASTRO, X. M.; COMENDADOR REY, B.: El tesoro desencantado, Edit. Concello de Caldas de Reis, Santiago, 1998. (dispoñible en PDF).
– PINGEL, V.: «El tesoro de Caldas de Reis y la orfebrería de la época del bronce», Galicia no Tempo, Xunta de Galicia, Santiago, 1991, pp.41-56.

Comparte!!!

Relacionados