Personaxes de quiosco

(El texto está escrito en galego, se respeta el idioma de origen)

Moitos din que as mellores lembranzas son as da infancia: melosa vivencia onde as preocupacións nin acadaban a categoría de tal. Durante a infancia as lambetadas xogan un papel moi, moi importante; son os pícaros verdadeiros ”gourmets” do doce e o peperete. Ninguén como eles para dar valor a ese mundo único que representa o sitio, tenda ou quiosco onde se venden as prezadas lambonadas e outros artigos da nenez.

Nunha ecuación onde conflúan infancia, lambonadas e a cidade de Pontevedra non sería estraño que a incógnita se despexase na praza da Ferrería; máis en concreto nos seus dous quioscos, que continúan hoxe en día a despachar, e que durante moitos anos gobernaron, ao xeito de dous capitáns de barco, María a do Carrillo e Gelucho.

María Luísa Olañeta Barros, para sempre coñecida como Maria a do Carrillo, era bilbaína mais votou o groso da súa vida na cidade de Pontevedra. Comezou a vender nun carro feito en  madeira que lle permitía transportar a mercancía e que ao parecer gardaba no emblemático Gran Garaxe. Sería a comezos dos oitenta do pasado século cando se instalou no quiosco metálico que hoxe aínda podemos ver. Aqueles que fomos clientes dela recordámola cun carácter forte, aínda que tamén sabía ser agarimosa cando quería.

María a do Carril  Imaxe: www.diadepontevedra.es

A quiosqueira vendía de todo: pipas, xoguetes, millo para pombas, bolsas sorpresa, caramelos e demais lambonadas. Tamén foi provedora doutro tipo de produtos máis enfocados ao despertar da puberdade e a madurez como os cigarros soltos ou mesmo os primeiros preservativos, que daquela aínda eran produto tabú e, seguindo as fontes, había que adquirilos cos pseudónimos de “chuvasqueiros”ou “calcetíns de viaxe”. Tras sesenta e tres anos despachando morre en 1995, cando xa levaba uns poucos xubilada.  O cemiterio de Santo Amaro garda os restos mortais deste referente para tantas xeracións de pontevedreses. Houbo intentos de poñer a unha rúa o seu nome; unha pequena descrición dela atopámola na estupenda web www.dogrisaovileta.gal, dedicada a historia das mulleres no concello de Pontevedra.

Celestino Puga chegou sobre os anos setenta ao outro quiosco da Ferrería. Coñeciámolo como Gelucho, aínda que tamén había quen con mala idea referíase a el como o Chepas, pola xiba e o aspecto maltreito do seu corpo. Pontevedrés de A Piolla, era unha persoa amable e próxima cos nenos, moitos acudían a el fuxindo do mal carácter de María. Segundo puiden saber grazas a información de José Fernando González Agra, formaba cuadrilla no bar Pajariño –que despois sería El Coralín,–  e chamábano Marriños. A xente lémbrano moi espelido e con grandes dotes de orador; mesmo xuntaba versos, e hai quen di que publicou varios poemarios. Que boa cousa sería dar con algún deles!

Gelucho//Imaxe: Miguel Riopa / Diario de Pontevedra.//Fonte: vellapontevedra.blogspot.com

Velaquí dous esbozos de dúas vidas importantes na intrahistoria pontevedresa. Ás veces acórdome de Maria a do Carrillo e máis do amigo Gelucho; como se levarían entre eles?, Cales eran as súas afeccións e inquedanzas? Véxome de neno, bulideiro e preocupado en adquirir as doces viandas, sen tempo para leria. Hoxe dedicaría algún minuto máis en coñecer a quen xa forman parte da miña memoria da infancia.

 

Comparte!!!

Relacionados