Cruz Gallástegui: el hombre que hizo ‘florecer’ los campos de Galicia

Foto: Wikipedia / Galiciana

(El texto está escrito en galego, se respeta el idioma de origen)

Cruz Angel Gallástegui Unamuno, vasco de nacemento e pontevedrés de adopción, nado en Bergara (Guipúscoa) en 1891, faleceu en 1960 na capital das Rías Baixas. Considéraselle pioneiro e precursor no continente europeo en experimentar con híbridos de millo, ademais de ser un dos principais impulsores da modernización da agricultura galega.

Logo de facer estudos agropecuarios en Limoges onde obtén a Diplomatura en Xardinería e Arboricultura froiteira, trasládase a Alemaña, onde cursa estudos de enxeñería superior agrícola, que finaliza en 1914. A finais de 1917 trasládase a Nova York, onde continúa os seus estudos. En 1920 marcha a México, onde pon en práctica os seus coñecementos ata febreiro de 1921.

En marzo de 1921, logo do doutoramento polas universidades de Harvard e Cornell, desembarca na Coruña e xunto co seu amigo Juan López Suárez convencen á Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas para que se cre a Misión Biolóxica de Galicia, un centro de bioloxía aplicada á agricultura. Nese ano o laboratorio instálase en dous locais da Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, contando tamén cunha horta nunha parcela de media hectárea.

En 1925 participa en Lugo no I Congreso de Economía Galega e en 1926 no III Congreso Agrario Rexional en Pontevedra, pronunciando unha conferencia sobre gandería galega. En 1927 asiste ao V Congreso Internacional de Xenética, celebrado en Berlín, e en 1934 asiste ao X Congreso Mundial de Lechería, en Roma e en Milán, representando ao Ministerio de Agricultura español.

Despois dunha pequena crise a Misión Biolóxica trasládase a Pontevedra en 1927, onde se instala de forma provisional na Deputación. En 1928 trasládanse ao Pazo da Carballeira de Gandarón, de 10 hectáreas de extensión, e queda instalada definitivamente a Misión no Pazo de Salcedo, co apoio económico das deputacións de Pontevedra e Ourense.

A Misión Biológica en Salcedo (Pontevedra)

En 1927 trasladouse o material da Misión a Pontevedra e instalouse provisionalmente no Pazo Provincial e na finca da Tablada (Campolongo). Ao ano seguinte atoparía o seu emprazamento definitivo no pazo de Gandarón, en Salcedo, que a Deputación mercaría con esta finalidade, e que tiña unha finca de 12 has., das cales o 80% eran cultivables. De todas maneiras, Gallástegui era consciente da volatilidade política do momento e tivo serias dúbidas sobre a súa continuidade ao fronte da Misión se non contaba co apoio de De la Sota. De feito, pensou en traballar na empresa privada, da que xa recibira ofertas, fixo xestións para obter algún posto nos servizos agronómicos de Guipúscoa e mesmo presentou dúas veces a súa dimisión entre 1929 e 1930. A substitución de De la Sota por Casas Medrano ao fronte da Deputación, en 1930, deu orixe a un conxunto de enfrontamentos co director da Misión en relación sobre cal debería ser a súa actividade principal. Gallástegui defendía a da investigación aplicada fronte a orientación educativa que quería impulsar Casas. Como consecuencia desas discrepancias, Casas iniciou una serie de represalias contra a Misión, como os intentos para que o Instituto de Cerealicultura anulase unha subvención de 50.000 pesetas que lle concedera en 1929, a retirada da subvención de 5.000 pesetas da Deputación ou mesmo a reclamación da finca de Salcedo.

Foto: Wikipedia / HombreDHojalata

Pese a este complexo e incomodo transfundo político local a Misión foise consolidando coma un centro de referencia en investigación agraria no conxunto do Estado. En 1927 (antes da retirada da subvención da Deputación) o seu orzamento anual era de 20.500 pesetas. procedentes das deputacións de Pontevedra e Ourense e da JAE. En 1928 era de 40.000 pesetas, e no ano 1929 foille concedida, a maiores, a subvención citada de 50.000 pesetas para o subministro de semente de millo híbrido para Galicia e o litoral cantábrico, ademais da formación de dous bolseiros.

Coa chegada da Segunda República, a figura de Gallástegui foi enxalzada ao máximo, sobre todo polos galeguistas, que “lle atribúen poderes case sobrenaturais” (Cabo, 1997). Así mesmo, o goberno central, sobre todo da man de Gordón Ordás, quixo contar coa súa colaboración nomeándoo Inspector General de Fomento Agropecuario, en Madrid, posto no que botou un ano, así como membro do Consejo Ordenador de la Economía Nacional. En canto puido, volveu á Misión, onde os problemas non faltaron, sobre todo no canto do Goberno de Chapapietra, en 1935, que propuxo, entre outras medidas que afectaban á redución da investigación agraria en España, a supresión da subvención de 50.000 pesetas á Misión. Unha forte campaña contra esta decisión, na que o Partido Galeguista tomou un interese especial, conseguiu evitar esta importante redución orzamentaria.

Gallástegui era socio activo do Seminario de Estudos Galegos (Mato, 2001), pertencía ao grupo cultural Labor Galeguista (Beramendi, 2007) e participou en diferentes actos organizados polo Partido Galeguista. De todas maneiras, a maioría dos partidos políticos gababan e defendía o traballo da Misión, que nesta última etapa (1931-36) contou cuns ornamentos anuais que superaban xa as 100.000 pesetas.

As relacións de Gallástegui con outros centros de investigación de Galicia (maiormente a Granxa Agrícola da Coruña e a Universidade compostelá) nunca se desenvolveron a nivel institucional, senón persoal, e de feito nunca se fixeron traballos conxuntos e non foron raras a duplicidade de experiencias. De toda maneiras, tanto Urquijo, director da Estación de Fitopatoloxía da Granxa, como Luis Iglesias, catedrático da Universidade de Santiago, colaboraron nas tarefas de divulgación da Misión. Os receos corporativos dos enxeñeiros agrónomos cara un titulado que non tiña homologación en España, tamén influíron soterradamente nesta falta de entendemento e colaboración.

A Guerra Civil e os últimos anos

Os evidentes vencellos de Gallástegui co Partido Galeguista foron o pretexto das graves acusacións vertidas contra el pola prensa falanxista nos meses posteriores ao alzamento militar. Gallástegui tentou por tódolos medios non só defender a súa posición particular, senón a de todo o persoal de Misión, entre os que se atopaban personaxes tan significados politicamente como Bóveda e Fernández Osorio-Taffall. O seu evidente prestixio persoal, así como a posible intercesión dalgún significado dirixente do galeguismo conservador de Pontevedra evitaron o peor e puido seguir ao fronte da Misión, aínda que baixo unhas condicións que facían moi difícil o mantemento dos proxectos de investigación. A disolución da JAE e a creación do CSIC no primeiro ano da posguerra significou a integración da Misión neste organismo, o que non supuxo nos primeiros anos ningunha vantaxe en canto aos orzamentos da Misión. De feito, Gallástegui, que nunca chegou a ser funcionario do CSIC e cobraba o seu soldo das deputacións galegas, tivo, en 1949, debido a precariedade do mesmo, que aceptar a proposta de traballar coa sociedade comercializadora de sementes PRODES de Valladolid, cidade a onde se trasladou. De todas maneiras, seguiu pertencendo ao padroado que controlaba a Misión e desde alí puido continuar exercendo o seu maxisterio sobre seus colaboradores máis achegados. En 1953, resoltos os problemas financeiros do seu contrato coas deputacións, volveu á dirección da Misión.

Dos últimos anos da súa vida existen moi poucos datos do seu labor científico. Posiblemente o cancro de estómago que comezou a padecer nestes tempos, así como os traballos burocráticos e de construción do novo edificio e laboratorios da Misión, consumiron a maior parte do seu tempo. Unicamente 1958 é un ano significativo, por dúas cuestión: a publicación do libro El Campo Gallego, a instancias da Agrupación Gallega de Escritores e Artistas que animaban desde a diáspora Díaz Pardo e Antonio Baltar, e a publicación do primeiro número da Revista de Economía de Galicia, na que figuraba no Consello de Dirección, pero que, sobre todo, fora ideada o ano anterior nunha reunión celebrada no pazo de Salcedo, sé da Misión.
Durán (2011) sinala que nestes últimos anos da súa vida pasou tamén tempadas importantes na Abadía de Retuerta, en Valladolid, e que desde alí alentou e posiblemente aconsellou tecnicamente a renovación dos cultivos e técnicas enolóxicas da bodega Vega Sicilia, que poucos anos despois sería a insignia dos viños de Ribera del Duero.

A cidade de Pontevedra puxo na súa honra o seu nome a unha rúa

Foto: Wikipedia / Adrián Estévez (Estevoaei)

Fontes: Wikipedia e Cultura Galega /Autor. Díaz-Fierros Viqueira, Francisco

Comparte!!!

Relacionados