Intervención da concelleira de Cultura, Carmen Fouces no pleno municipal no debate dos novos nomes de rúas.
Damos hoxe un novo paso no cumprimento da moción que esta Corporación aprobou en xullo de 2015, a fin de avanzar na feminización do rueiro, unha das fórmulas adoptadas para homenaxear ás mulleres que contribuíron na creación desta Pontevedra da que hoxe nos gabamos.
E utilizo de forma intencionada a expresión “dar un paso” porque este acordo nin é o primeiro nesa procura nin pode ser o último. É simplemente un novo tramo da andaina que estamos percorrendo para elaborar unha historia local da que, por fin, non se exclúa á metade da poboación. Con esa premisa puxemos en marcha, hai cinco anos, o programa “A memoria das mulleres” que ten un obxectivo triplo: Recuperar as biografías de pontevedresas pioneiras, traballadoras ou que sufriron represión por defender unha Pontevedra mellor; para dalas a coñecer á cidadanía, especialmente á mocidade, e tamén para homenaxealas, que é o xeito que temos de recoñecer, como sociedade, a súa achega á construción colectiva.
Das ducias de nomes, de historias, rescatadas neste lustro, extraemos hoxe para o seu recoñecemento os de Ernestina Otero Sestelo, Vasquida García e Dolores Trabado, que nomearán as novas rúas de Tafisa, e o de María Vinyals i Ferrer para denominar o xardín situado diante dos edificios administrativos da Xunta; que se unen aos de María Victoria Moreno, Josefina Arruti e Amalia Álvarez, xa parte do noso rueiro. E tamén publicacións, murais, roteiros, premios institucionais e actos que avanzan na mesma procura, e aínda así, temos que ser conscientes de que só estamos iniciando o camiño. De que estes pasos, malia os avances que supoñen, aínda non chegan para que as mulleres alcancemos, nin de lonxe, o recoñecemento regalado aos homes no relato de séculos. Poderían ser moitas máis pero, dende logo, era de xustiza que foran estas catro.
Con Ernestina Otero Sestelo queremos homenaxear a todas as mulleres que, nos tempos máis difíciles da nosa historia recente, defenderon unha sociedade libre e igualitaria, e a pesar do custo persoal que iso lles supuxo, foron solidarias con outras vítimas da barbarie. Con Ernestina defendemos, por riba de todo, a crenza de que o ensino é a mellor arma para loitar contra o fascismo.
Foi, como sabedes, directora da Escola Normal de Pontevedra que tras o golpe de Estado deixou de formar docentes para ser convertida en cárcere. Os franquistas afastárona das aulas pero, lonxe de arredarse, converteuse en apoio fundamental para os presos da illa de San Simón, aos que levaba comida, roupa e por riba de todo, humanidade.
Como ela, María Vinyals i Ferrer, coñecida como a marquesa vermella, merece ser homenaxeada polo seu fondo compromiso social e político, e a súa defensa acérrima dos dereitos das mulleres: máis que nunca hoxe, que se volven poñer en dúbida conquistas acadadas tras séculos de loita feminista. Muller adiantada ao seu tempo, María foi nomeada en 1906 académica da Real Academia Galega polo seu traballo en defensa da nosa lingua e a nosa cultura.
E coas pioneiras de bo berce, tiñamos a obriga de recoñecer ás mulleres do común que día a día, no seu percorrido polas nosas rúas, tamén foron rompendo barreiras. Por iso eliximos a Dolores Trabado, porque no tempo en que conducir, como o coñac Soberano, era cousa de homes, converteuse nunha das primeiras, se non a primeira, taxista do estado español.
As mulleres tivemos moitas dificultades para andar o camiño, para que nos fose recoñecida a nosa importancia na sociedade. E mesmo aquelas que lle reportaban un beneficio colectivo incuestionábel, como as menciñeiras, foron sometidas ao xuízo e ata á tortura da sociedade patriarcal. Por iso, alégramonos especialmente que Pontevedra amose o seu total compromiso co feminismo dándolle o nome dunha rúa a unha bruxa, Vasquida García, que a finais do século dezaseis utilizaba o seu coñecemento das plantas medicinais para sandar os males aos que non atopara remedio o saber masculino. Foi por iso, pola ignorancia, que a acusaron de pactar co demo, e para salvar a vida obrigárona a cargar, de novo, co peso bíblico da culpa.
Con Vasquida homenaxeamos hoxe a todas as mulleres que, cinco séculos despois, seguen sendo xulgadas, e condenadas, por ter a mala sorte de atoparse, elas si, co propio demo.
E porque non hai nada máis útil para ter futuro que ter memoria, queremos que esta homenaxe ás catro sexa unha demostración, firme e contundente, de que estamos traballando na construción dunha Pontevedra cada día un pouco máis feminista. Queremos que sirva para que lle quede moi claro, a quen pretende desandar o camiño, que non daremos nin un paso atrás na defensa das mulleres. Que saiban, os que pretenden volver a queimar bruxas, a pechar escolas, a silenciar ás voces femininas na cultura, a desprestixiar a loita feminista, ou a frear os avances das mulleres no ámbito laboral, que nos terán enfronte.
Que nos atoparán nas rúas, nas institucións, na política.
Só queda xuntarmos, todos os grupos desta corporación debaixo dunha placa que poña Ernestina, Dolores, Vasquida ou María para celebrar a homenaxe que Pontevedra lles rende.
Moitas grazas.