O Concello de Pontevedra e as Federacións de Tríatlon xa teñen consensuados os cambios dos circuítos das probas dos campionatos do mundo Multisport que se vían afectados pola convocatoria electoral do domingo 28 de abril. Cabe lembrar que o campionato desenvolverase entre o 26 de abril e o 4 de maio (as probas son os días 27, 28 e 30 de abril, e 2 e 4 de maio). Segundo comentou esta mañá a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, o que se buscaba era que afectase o menos posible ás probas deportivas; e tamén que afectase o menos posible á mobilidade na cidade durante a xornada electoral.
O acordo foi retirar todas as probas fixadas o domingo agás o Dúatlon paraolímpico e o Dúatlon junior (feminino e masculino). A outra proba que estaba fixada para o domingo, o Dúatlon grupos standar pásase para o sábado pola mañá.
Ademais, dacordo coas federacións deportivas anúlanse as probas do relevo mixto de elite e junior.
Na xornada do domingo os percorridos serán pola mañá (as horas aínda están por concretar pola Federación Internacional) e sinxelos, xa que o obxectivo é tratar de garantir a asistencia ás mesas electorais. Os percorridos en bici serán, basicamente, de Tafisa á ponte das Palabras – Mosteiro de Lérez e Tafisa no que quedarán só 2 casas bloqueadas; e o percorrido a pé será por Tafisa – avenida de Bos Aires. Os veciños de Monte Porreiro, neste caso, entrarán e sairán polos Campos.
Outro dos cambios foi evitar o peche da rúa Xosé Malvar na xornada electoral. Dado que o punto neurálxico do campionato atópase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), onde está a saída e a meta das probas, e obriga a pechar o último tramo de Xosé Malvar, polo que pasan á hora 4.000 vehículos, acordouse trasladar ese punto de meta e saída ás inmediacións de Tafisa, tanto o domingo 28 de abril como as probas do 30 de abril e do 2 de maio.
Pechar a rúa Xosé Malvar, en xornada laboral, obrigará a sobrecargar a rúa Eduardo Pondal, pola que pasan cada hora 4.000 vehículos.
Outro dos puntos quentes das probas será a N-550 na xornada do sábado, 27 de abril, pola tarde, aínda que está previsto que haxa unha fiestra dun par de horas para dar servizo ás vivendas e establecementos comerciais da zona.
Tamén están previstos nos vindeiros días as reunións cos coordinadores xeral e dos sectores do persoal de corte que participará nas sucesivas probas; e tamén estase a traballar coas ambulancias tanto para a atención de asistencia sanitaria como de evacuación (de ser o caso), e se ten o acordo de que os médicos estarán nas motocicletas.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva fixo esta mañá un agradecemento expreso ás persoas que poidan ver alterada a súa vida diaria e polo esforzo que teñen que facer para que se desenvolva con éxito unha proba tan trascendental para a cidade como estes campionatos do mundo. De feito, considerounos “patrocinadores activos do Multisport 2019”.