Actuación do grupo de teatro sénior Afundación “Os vellos namorados”, Teatro Principal Ourense

O Grupo de Teatro Sénior Afundación presenta a obra Os vellos namorados, unha adaptación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, realizada polo director do grupo, Víctor Díaz Barús. Poderás gozar da representación o venres 22 de marzo no Teatro Principal de Ourense (Rúa da Paz, 9) ás 20.00 h.

Esta farsa en tres actos e epílogo satiriza sobre o amor e a morte de tres vellos imprudentes. Tres amores serodios, tres vellos que namoran de tres mozas e como estas se aproveitan deles nun xogo de comedia. A peza mostra o medo á soidade humana mais tamén a necesidade de amar e ser amado.

O Grupo de Teatro Sénior Afundación formouse no ano 1984. Na actualidade está integrado por 24 actores e actrices de idades comprendidas entre os 60 e os 90 anos. Algúns dos seus compoñentes participaron en varias series de televisión (Mareas Vivas, Libro de familia, Serramoura…), longametraxes (O lapis do carpinteiro) e anuncios publicitarios. O grupo ten recibido numerosos premios en certames de teatro afeccionado, tanto no ámbito galego coma no nacional.

Prezo entrada: 5€. A recadación será destinada para a Asociación Española contra o Cancro, organización sen ánimo de lucro formada por pacientes, familiares, voluntarios e colaboradores. Traballan unidos para educar en saúde, apoiar e acompañar ás persoas enfermas e as súas familias, e financiar proxetos de investigación que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.

A obra tamén se representará no marco do proxecto «Corrente Cultural» mediante o que ABANCA e Afundación amplían a súa oferta artística alén das súas sedes, trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

¬Mercar entrada

Comparte!!!

Relacionados