O Concello negociará coa Xunta un transporte a demanda para Pontevedra

O Concello de Pontevedra manterá nesta semana unha reunión técnica coa Xunta de Galicia para abordar o transporte público no municipio, tal e como anunciou o concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera, quen aclarou que o Concello e a Xunta “non temos máis remedio que entendernos”.

O concelleiro explicou que a idea municipal é crear un transporte público empregando os medios axeitados á demanda. Usaríanse medios de transporte de baixa capacidade -de nove prazas ou menos-, naqueles sitios nos que non hai suficiente demanda para a posta en marcha dun autobús. Ademais, a idea do Concello é crear unha plataforma telefónica ou dixital para atender e canalizar esa demanda xa que “vai cubrir mellor as necesidades reais das persoas e vai ser máis axeitada”, concluía o concelleiro.

O Concello estaría disposto a manter a liña de Monte Porreiro e a estudar un sistema coherente para dar servizo a Montecelo, pero sempre da man da Xunta de Galicia, a competente na creación de liña de transporte metropolitanas..

Segundo indicou o concelleiro, na Lei de transportes de Galicia aclárase que os concellos maiores de 50.000 habitantes teñen obriga de ter transporte urbano, que se define como todo aquel que une zonas das cidades con catalogación de solo urbano ou urbanizable. No caso de Pontevedra a liña de competencia municipal chegaría a Estribela, o nó do Pino, San Amaro, Médico Ballina ou Monte Porreiro, o resto sería de competencia autonómica, Montecelo incluído.

Ademais, co cambio normativo que se rexistrou o pasado mes de outubro na normativa que regula o sector do taxi e o transporte de baixa demanda, o Concello podería pór en marcha este tipo de transporte. Esta situación facilita estudar o sistema de transporte urbano de Pontevedra xunto coa Xunta, ao caducar, tamén, as concesións autonómicas. Até este momento, a resolución das concesións nas condicións actuais suporía o pago de elevadas indemnizacións ás empresas de transportes que están facendo as rutas.

O Concello xa dispón dun equipo técnico para negociar coa Xunta e elaborar o estudo municipal. Serán o enxeñeiro responsable da tramitación dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Santiago López Fontán, e o enxeñeiro Fernando Nebot.

Comparte!!!

Relacionados