A Lamprea: Única e inigualable

Posiblemente moitos dirán que non hai un produto en Galicia máis singular. Outros moitos afirmarán que non hai produto máis exquisito, que é un prato digno de deuses. Outros dubidarán se fincarlle o dente ou non…

Pero o certo é que para opinar, hai que probala!
A lamprea é un peixe azul moi primitivo que xa habitaba os ríos e mares da Terra hai máis de 400 millóns de anos. Ten forma de anguía e o seu trazo máis identificativo é a súa boca e a súa forma de alimentarse: non ten mandíbula, senón un disco oral cheo de dentes córneos e unha lingua áspera, que usa para adherirse como unha ventosa a outros animais mariños para alimentarse do seu sangue e da súa carne. Por esta razón, nalgúns lugares de Galicia chámana “chupona”.

 

Pero as curiosidades desta especie única non rematan aquí. O seu corpo non ten escamas e son animais vertebrados. Normalmente, nacen no río, onde permanecen durante os seus primeiros seis anos alimentándose de microorganismos. Despois, emigran ao mar e viven a moita profundidade adheridas a outros animais, como quenllas, salmóns, bacallaus e diversos mamíferos mariños.Tras dous anos no mar, volven aos ríos para reproducirse, onde se aparean e onde acaban morrendo tras o enorme esforzo realizado. É neste momento da súa vida, cando remontan río arriba, cando se procede á súa pesca.

 

Se falamos da pesca da lamprea, non se nos poden esquecer as tradicionais e únicas “pesqueiras” do río Miño. Estes muros de pedra de orixe romana, están colocados nas beiras do río e foron durante moitos anos os fieis aliados dos pescadores, xa que canalizan as augas do río obrigando os peixes a transcorrer entre eles. Axudados por unhas redes similares ás nasas, chamadas “butróns”, os pescadores capturan as lampreas cada tempada.
En Galicia é un manxar moi típico nas localidades do Baixo Miño e tamén en torno aos ríos Ulla e Tambre. A tempada de lamprea ábrese de xaneiro a abril, aínda que o resto do ano tamén se pode degustar seca ou afumada. Hai moitas formas de cociñar a lamprea, pero quizais, a receita máis tradicional é a “lamprea á bordelesa”, guisada no propio sangue do animal e servida normalmente con arroz en branco e picatostes. Aínda que outras receitas son igual de saborosas, como á brasa ou en empanada. Xa o testemuñaban os nosos antepasados da Idade Media e da Época Romana: a lamprea é un alimento delicioso e exquisito.
Así que non dubidedes máis e achegádevos á gastronomía fluvial de Galicia, empezando o ano con bo pé! O ideal é degustala a partir de mediados de xaneiro e ata abril, e mesmo podedes aproveitar as festas gastronómicas de exaltación da lamprea que se celebran en Pontecesures, Arbo, Padrón ou Teo!
Comparte!!!

Relacionados