A exposición ‘Entre dúas augas’, un percorrido pola historia e vida cotiá da Pontevedra de 1930 a 1940

360 documentos, fotografías, obxectos da vida cotiá… integran a exposición Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940 que hoxe 30 de abril levanta o pano ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, onde estará aberta até o 7 de xullo. Os documentos e pezas proceden dos fondos do Arquivo Municipal e de achegas feitas por colaboradores.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou hoxe a exposición ao carón Enrique Sotelo, arquiveiro municipal e Roberto Taboada e Lino Pazos, colaboradores que cederon parte do material que se poderá ver no Pazo e que axudaron a súa contextualización.

Fouces subliñou o labor de divulgación do Arquivo de Pontevedra que nos últimos tempos promoveu exposicións, moi visitadas, de temáticas tan variadas como: o Lérez, o sefardismo, a muralla, as lembranzas dos avós, a Restauración, Pasarón, a Ferrería… e agora no 2019 tráenos Entre dúas augas.

Sotelo, pola súa banda, lembrou que o Arquivo ten como misión fundamental, ademais de gardalos, difundir os documentos que custodia. “Hai que sacar os arquivos fóra para que a xente coñeza a historia, e o proceso administrativo asociados aos documentos…” indicou para, de seguido, sinalar que a exposición ten dous obxectivos:

– lembrar, non esquecer

– coñecer como foi a vida dos pontevedreses/as na década dos 30.

Nove seccións artellan a exposición Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940. Son as seguintes:

  • Política e eleccións
  • Golpe de Estado e Guerra
  • Vida cultural, deportiva e relixiosa
  • Comercio, anuncios, facturas…
  • Persoeiros e acontecementos
  • Propaganda republicana e franquista
  • Moeda, bancos, letras de cambio…
  • O Goberno da cidade
  • Sanidade

O arquiveiro municipal, coordinador da exposición, adicou a mostra ao falecido historiador pontevedrés Juan Juega.

Comparte!!!

Relacionados