Escalos do Lérez

Escalo (Imaxe: http://www.rios-galegos.com/pe10.htm#Características)

No transcurso do río Lérez descubrimos numerosas especies animais conformando un mundo paralelo ao noso. Temos a ra verde; o mexillón de río; as troitas, das cales as migratorias denomínanse reos; as saborosas lampreas; o salmón remontando as augas para a súa reprodución; a cobra de auga de aspecto semellante á velenosa víbora pero coa pupila redonda; o escorpión de auga, etc.

Pero sen dúbida o peixe máis abundante de ver no senlleiro río da cidade é o escalo. Tamén coñecido como cacho, cachizo ou xardo o seu nome científico é o de squalius carolitertis. Posúe un corpo alongado cuxa media oscila entre os 25 e os 30 cm. A cabeza é grande con boca ínfera, e sen barbelas. O lombo deste ciprínido soe ser de cor castaña-dourada aínda que a coloración pode cambiar noutros ríos (verde negrume, apardazado…), a zona ventral é máis clara que a dorsal. Posúe unha aleta curta e alta. Pequenas manchas negras percorren o seu corpo estilizado podendo acadar 1,5 kg. de peso, sendo máis normal os 200-300 gr.

A localización deste peixe circunscribise a Portugal e os ríos occidentais de España. En Galicia están representados nos cursos inferiores e medios de todo tipo de concas, agás nos regatos de montaña e os que desembocan directamente no mar onde resulta máis difícil velos. Ata o de agora, esta especie resiste a eutrofización –isto é a abundancia anormalmente alta de nutrientes nun ecosistema– sen problema ningún. Polo tanto, teñen a capacidade de poder vivir en augas contaminadas. No inverno buscan zonas temperadas namentres que en épocas cálidas soen estar máis ao fondo, xunto a vexetación.

O desove fase en grupo, durante a primavera e o verán; aos machos sáenlles uns tubérculos nupciais pola cabeza e a parte inferior do corpo. A posta de ovos prodúcese en augas máis baixas, con forte corrente, e terreos areosos ou pedregosos, podendo ir dende os 50.000 ata os 200.000 ovos. Aos cinco u oito días os ovos fan eclosión, as larvas de escalo pasarán a ser adultos cara os cinco anos, nese momento deixarán de ser gregarios a ser peixes solitarios.

(Imaxe: http://www.azibo.org/peixesauto.html)

Cando nacen, a súa alimentación basease en pequenos invertebrados. A medida que o escalo vai medrando a súa dieta aumentará incluíndo algas bénticas, insectos, ovos ou mesmo pequenos anfibios. O bass -ou perca americana- é un dos grandes depredadores do escalo ao igual que o lucio, ámbalas dúas especies non son orixinarias dos nosos ríos, foron introducidas.

O escalo é un deses peixes abondosos nos nosos cursos fluviais, pódense ver a decenas sobre todo nos meses de maio a xuño. A súa pesca considerase doada, entrando a cana e a pluma, e antigamente vendíanse nalgunhas rexións. Dos moitos «amigos» que o Lérez ofrécenos, o escalo conforma unha imaxe cotiá, desas que quedan gravadas na memoria colectiva dunha cidade, pois de sempre o seu percorrer as augas chama a atención de cativos e maiores.

Área de distribución do escalo (Imaxe: http://gl.wikipedia.org/wiki/Escalo_(peixe)

Para saber máis:
– Atlas de vertebrados de Galicia. Peixes, anfibios, reptiles e mamiferos, Tomo I, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 1995.
– Mergullados no Lérez. A fauna subacuática dos ríos de Pontevedra. Fotografías de Jorge J. Candán, Departamentos de Comunicación e Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2009.
– http://www.rios-galegos.com/

Comparte!!!

Relacionados