A Historia De Ravachol

A orixe deste papagaio non se sabe moi ben de certo de onde vén; hai unha teoría que conta que quizá procede do director da banda de música Martín Fayes do Rexemento de Infantería que se atopaba entón en Gullarei (Tui), e que era ademais moi amigo do boticario Don Perfecto Feijoo, dono de Ravachol. Segundo sostén Filgueira Valverde, é moi posible que sexa descendente dos papagaios que viñan nun barco de América en 1702 e que naufragou na zona da Ponte de Rande e que saíron voando colonizando os arredores. Un deles foi recollido e exposto nunha gaiola na Praza de Vila, utilizando este papagaio sempre o galego.

Había ao parecer en Pontevedra outros papagaios coñecidos, aínda que ningún tan famosos como Ravachol. Sábese que vivía un en casa dos Besada, outro na dos Muruais, tamén en casa de Enrique Fernández Villamil, e na de Dona Chanita, na estrada de Marín.

En canto ao seu dono Don Perfecto Feijoo como sabemos todos, era un coñecido farmacéutico que tiña a súa botica en Peregrina esquina coa rúa da Oliva; era ademais galeguista, culto, amante da música (de feito funda con outros amigos o primeiro coro de Galicia en 1882); sendo en xeral unha persoa amable e boa conversadora, por este conxunto de características da súa personalidade acudían á súa farmacia, ademais das persoas que tiñan que comprar algún remedio ou medicamento, políticos e intelectuais que se reunían alí en animados faladoiros.

Hai que dicir que naquela época en Pontevedra, abundaban este tipo e faladoiros, sendo tamén coñecidos as que se producían na Casa do Arco de Don Jesús Muruais ou na de Casto Sampedro e Folgar.

O papagaio chegou á botica comportándose ao principio timidamente, pero cando se adaptou empezou a amosarse tal cal era, resultando ser ledo e alborotador, e en moitas ocasións, ata irreverente, palabras que evidentemente o animaliño aprendía da súa contorna.

Hai unha anécdota especialmente comentada por varios historiadores e cronistas: Ravachol usaba moi a miúdo a expresión “Se collo a vara…”, repetindo a frase que lle dicía o seu dono cando lle rifaba polo seu vocabulario e ensináballe un pau, a esta frase uniulle outra palabras que á súa vez utilizaba con frecuencia “Bárbaro”; e no medio dun sermón que estaban dando dous relixiosos no adro da Peregrina, de súpeto escoitouse a frase “Bárbaro, se collo a vara”…, armándose un gran balbordo ata que a xente identificou que o que a pronunciou fora o papagaio.

Alertaba ao dono Perfecto Feijoo cando este se atopaba na trastienda de que entraba xente na farmacia, co aviso de “Don Perfeuto, xente na tenda” ou “Don Perfeuto, parroquia”. Ás veces, non entraba ninguén e lanzaba igual a alarma, e cando o farmacéutico acudía soltáballe un “Enganeiche” .

Por suposto “falaba” con todo o mundo e coa xente que ía á farmacia, que en moitos casos realmente consentíano levándolle doces e lambetadas, pero cando non o facían enfadábase e neses casos usaba expresións como “Vaite de aí lambón”.

Pero a Ravachol había persoas que lle caían especialmente mal, tal era o caso coa escritora Emilia Pardo Bazán, que sempre lle recriminaba polo seu vocabulario, chegando finalmente a chamarlle “puta”. Non soportaba tampouco a Eugenio Montero Ríos, ao que lle adicaba frases como “Vaite daquí Larpeiro”, ou “Ladróns Ladróns” nunha visita que fixo co seu dono ao Pazo de Lourizán onde estaba reunido Montero Rïos con outros políticos. A Castelar acusábao de “Demo dás barbas”.

Tan popular se fíxo, que ata exerceu de actor nunha obra no Entroido de 1900, no que no seu diálogo debía dirixirse a un borracho con frases como “Cala porco”, “Bárbaro”, “Cotorriña Real” entre outras.

O 27 de xaneiro de 1913 falece Ravachol, e así o testemuña nesa edición o Diario de Pontevedra en devandito día. Pódese extraer da noticia o pesar que causa o falecemento e dan conta que non se coñece a causa da morte; tamén se comenta que uns cren que morreu por un empacho de biscoitos con viño que comera a xornada anterior, e outros barallan as posibilidade de que o envelenaran persoas molestas cos improperios do papagaio. En calquera caso, fose o que fóra, non se puido facer nada por salvarlle a vida.

Como dixemos antes, a morte do papagaio causa pesar en toda Pontevedra, e isto unido ao ambiente do entroido, fai que se organice un velorio prolongado, primeiro na propia botica, despois no local da Sociedade Recreo de Artesáns, para facer ao final un grande enterro.

Embalsaman o seu corpo e exponse entre frores na farmacia, alá recibe múltiples honras por parte dos que se acheegan á farmacia, e mostras de respecto que chegan de todos lados en forma de cartas e telegramas.
O 2 de febreiro, domingo de entroido, instálase a Capela Ardente na Sociedade de Artesáns. Ravachol é presentado dentro dunha urna con catro velones rodeándoo.

Para o enterro fíxase a data do 5 de febreiro (Mércores de Cinza); neste tempo presentan os seus respectos ante a urna os pontevedreses e os principais entidades civís e militares de Pontevedra.

Para o enterro publícase un bando no que se pide á xente que se disfrace para tan solemne ocasión e que porten con eles un farol fúnebre na man. A comitiva sería formada por doce xinetes con farois acesos, as carrozas do Liceo do Casino e do Recreo dos Artesáns, a banda de música municipal, a xente disfrazada, a banda de cornetas e a comparsa “Os Espías”.

O percorrido partía ás 7 da tarde desde onde estaba situada a capela ardente á Herrería, indo pola rúa do Comercio, Soportais, Fernández Valverde, Michelena, Oliva, Riestra, facendo unha parada ante a botica onde vivira durante 22 anos.

Terminaba a procesión fúnebre nas Palmeiras onde estaba instalado un Circo- Teatro onde se celebrou unha velada especial en honra de Ravachol.

Unha vez finalizada a velada Ravachol foi trasladado en coche ata a leira de Don Perfecto Feijoo en Mourente (“O Padronelo”), onde foi soterrado.

En 1985 decidiuse incorporar a figura do Ravachol ao entroido pontevedrés, rendéndolle culto desde entón, sendo unha das figuras máis querida polos pontevedreses e que pecha a semana de celebracións. Como símbolo deste agarimo, podemos ver a escultura de Ravachol, máis ou menos situada onde estaba a botica Feijoo, na Praza da Peregrina.

Para rematar, explicar como curiosidade a orixe do nome de Ravachol. Parece ser que Don Perfecto Feijoo ante o carácter “explosivo” do papagaio, decidiu chamalo así en referencia ao anarquista francés Francois Ravachol, revolucionario e terrorista que utilizaba a dinamita nas súas accións, que morreu axusticiado na guillotina o 11 de xullo de 1892.

 

Comparte!!!

Relacionados