Art Woman, unha feira para darlle visibilidade á importancia das mulleres no ámbito laboral. Ourense

O Concello de Ourense porá en marcha o vindeiro mes de marzo Art Woman, unha feira que pretende visualizar a importancia das mulleres no ámbito laboral, para que as emprendedoras poidan dar a coñecer os seus negocios e para crear redes e sinerxías entre que lles axuden a impulsar as súas empresas.

No marco das actividades organizadas con motivo do Día Internacional das Mulleres, a Concellería de Igualdade e a Asociación Ludikarte apostan por fomentar o empoderamento económico das emprendedoras a través dun mercado que lles sirva como punto de encontro e no que poidan presentar os seus produtos e servizos.

Art Woman abrirá as súas portas, na Praza Maior e en Bispo Cesareo, o venres 22 de marzo en xornada de 12:00 horas a 20:00 horas. O sábado e o domingo, poderá visitarse en horario continuo, entre as 11:00 e as 20:00 horas.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que “o obxectivo desta proposta é que as participantes establezan lazos e sinerxías entre elas; melloren as súas vías de comercialización; poñan en marcha unha rede profesional;  e que o resto da sociedade descubra o seu talento no ámbito laboral”.

Ademais de dar a coñecer os seus produtos e servizos, a fin de semana será un espazo para a creación de “networking” entre as mulleres que residen en Ourense, pero tamén con outras empresarias que dean a coñecer os seus proxectos noutros puntos de Galicia, co gallo de fortalecer a rede de relacións empresariais entre mulleres e para favorecer novas oportunidades profesionais.

Neste sentido, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, destaca que “investir no empoderamento económico das mulleres contribúe directamente á igualdade de xénero, á erradicación da pobreza e ao crecemento económico inclusivo, que permite que aumente o número de mulleres ocupadas e os seus ingresos”.

Durante toda a fin de semana en Art Woman haberá espazos diferenciados como Artesanía, Gastronomía, Ilustración, Fotografía, Moda, Música, exposicións, conferencias, obradoiros, showcooking e actividades de dinamización.

Para a cativada

Coincidindo coa celebración de Art Woman presentarase o “Poboado da Igualdade”, unha actividade paralela destinada á cativada.

Os máis pequenos e pequenas poderán gozar das actividades que as ludotecas porán en marcha para sensibilizar en materia de Igualdade de Xénero dunha forma lúdica.

Haberá un poboado no que poderán participar en diferentes actividades: “A Casiña” (sobre o reparto das tarefas do fogar); “Xogando aprendemos a ser iguais” (sobre a igualdade de oportunidades e respecto mutuo) e a “Escola de coidados” (traballo de corresponsabilidade no reparto de coidados).

Tamén se traballará na deconstrución dos contos tradicionais, promovendo unha nova asignación dos roles tradicionais.

Ademáis, deste  poboado da igualdade, haberá un espazo no que participarán as entidades sociais e do ámbito da saúde que prestan servizos e recursos ás mulleres. Tamén haberá un “punto violeta”, un espazo de axuda á muller para a prevención e o asesoramento contra as agresións machistas. Neste espazo ofrecerase información e consello sobre o que facer en caso de sufrir unha agresión sexual, ou como auxiliar ás vítimas.

 

Comparte!!!

Relacionados