Os xudeus galegos (primeira parte)

Ribadavia. Foto©Porgaliciabaixo

Suponse que os xudeus están en Galicia desde o s.I despois de Cristo, aínda que o primeiro documento nos que se lles cita está datado no s. XI atopado en Celanova (Ourense).

No s.IV sabíase que había comunidades non moi numerosas en Ourense, Tui, Lugo e A Coruña, igualmente que na época de dominación sueva, na que gozaron de liberdade relixiosa na que se lles permitiu ter relacións con cristiáns e alcanzar tamén postos elevados nas administracións da época. Mesmo se cre, que na época de persecucións de hebreos no reino visigodo, non as sufriron en Galicia, ou polo menos non hai constancia diso, quizá por o pequeno da comunidade, e porque tamén Galicia vivía un tanto distante das devanditas administracións.

Veu a época das invasións e dominio musulmán, nas que os nobres galegos limitáronse como moito a pagar os impostos para non ser atacados, pero o certo é que pouco se deixaron ver os musulmáns pola nosa terra, e os xudeus non sentían necesidade de apoialos como no resto da península, xa que aquí gozaban de bastante liberdade e non sentían ser oprimidos ou atacados.

E foi así como foron prosperando nas súas actividades comerciais e mercantís, e crecen as súas comunidades nos puntos que servían de unión Castela e Andalucía (Al- Andalus) con Galicia; nas poboacións do interior como , Ribadavia, Ourense, Allariz, Lugo, Monforte … E igualmente, era moi importante a cantidade de médicos hebreos na ruta xacobea, tanto nos hospitais de peregrinos, como nos mosteiros.

Ribadavia. Foto©Porgaliciabaixo

Era substancial para os xudeus o estar conectados con outras comunidades irmá ou ‘ alijamas’(1), contando o Camiño de Santiago con numerosas xuderías que intercambiaban información e mercadorías.

A partir do s. XII aumenta a poboación xudía en Galicia, un valor fundamental é que non existían conflitos e tamén ao darse esta circunstancia era fácil reacollelos en Galicia, despois de decretos como o de 1343 aprobado polas Cortes de Alcalá, unha lei antixudía, na que se expuña que para a condonación da débeda cristiá cos xudeus, dábaselles a estes a posibilidade de comprar terras na marxe dereita do rio Douro. Igualmente en Inglaterra corrían malos tempos para eles, sendo expulsados por orde do rei Eduardo I a finais do s. XIII, refuxiándose moitos deles en Galicia.

Tampouco lles axudou a epidemia de peste negra no s. XIV, da que como non, acusouse a esta comunidade, e en moitos casos castigados por iso. Como resultado, os que puideron refuxiáronse en Galicia, onde non se actuaba contra eles, é máis, é neste século XIV cando alcanzan o seu maior esplendor nas xuderías galegas.

E no medio de todo isto prodúcese a Revolta Irmandiña, e aínda que non se ten constancia da participación da comunidade xudía nela, sí se cre que debeu de apoiala económicamente, xa que algúns dos nobres galegos sí que expuxeran o seu enfrontamento aos xudeus.

 Existe un documento exemplar asinado o 20 de maio de 1289 polo concello de Allariz e os seus párrocos, didiante do representante real na vila, con Isaac Ismael, “Xudeu Maor dos xudeus moradores en esta vila”, para regular a convivencia pacífica de cristiáns e xudeus. Moito despóis, cando se agudizan as tensións sociais a tolerancia chégase transmutar en fraternización. No Ourense do ano 1457 na festa de boda dun fidalgo ourensá, os cristiáns invitan ós xudeus, contradecindo a lexislación vixente, e conquiren ademais a reconciliación de dúas familias xudías enfrontadas; dez anos despois, en 1467, a dirección local dos irmandiños bota un pregón para que “leigos e clérigos, judíos e mouros, fosen derribar o castelo Ramiro”. Xa nos anos oitenta, o concello de Ourense se resiste a aplicar o decreto que obrigaba a afastar ós xudeus na rúa Nova (algún deles se refuxía en 1488 en Allariz para evitar dita marxinación). Así ata 1492.  

Os Reis Católicos decretan o 31 de marzal de 1492 a expulsión nos reinos de Castela e Aragón de tólolos xudeus que non se quiseran bautizar. Temos para nós que os máis dos xudeus galegos se converteron ó cristianismo, e seguiron a practicar clandestinamente a súa relixión coa conivencia dos seus veciños cristiáns. Outros se exiliaron para non renegar públicamente da fe dos seus maiores. Así o prateiro coruñés Isaac foi denunciado en 1493 por embarcarse para o exilio con ouro, prata e demais tesouros, o que estaba prohibido; non foi o único caso, os representantes reais en A Coruña, así coma mercaderes e capitáns de barcos do seu porto, resultaron ser cómplices da fuxida clandestina de xudeus galegos e doutros lugares. Na liña dunha tradición de convivencia que chocaba en Galicia coa tradición de persecución que tentaba impoñer o sonado decreto estatal e mailo establecemento da Inquisición. Faltaba en Galicia unha corrente de antisemitismo popular que servese ó Santo Oficio e ó novo Estado para apoiar e xustificar a súa laboura depuradora.

(Galicia Xudía) 

Ribadavia. Foto©Porgaliciabaixo

É así como moitos dos xudías galegos convertéronse ao cristianismo para non abandonar a súa terra na que viviran tanto tempo e pacíficamente, e as conversións foron masivas, e ante a dúbida de que moitos destes xudeus puidesen seguir practicando as súas cerimonias, instaurouse de forma permanente unha ‘figura vixiante’  do Santo Oficio en Ribadavia, xa que era nesta localidade  onde se atopaban establecidas a alijama máis numerosa e importante de Galicia.

Dos que se foron, fixérono na súa maioría á Coruña, como vía para trasladarse a outras cidades do Atlántico europeo e outros optaron por Portugal, de onde foron así mesmo expulsados posteriormente nuns poucos anos.

Curiosamente moitos destes xudeus regresaron xa como cristiáns novos, elixindo principalmente o sur de Galicia como destino, arraigándose en Tui, Salvaterra, Ribadavia, A Guarda, Ourense, Pontevedra, Baiona, .. E en Lugo, Santiago e A Coruña en menor proporción.

Á Inquisición “custoulle” establecerse en Galicia, debido a que houbo unha forte oposición por parte do pobo pero tamén do clero galego. Aínda instalándose o Santo Oficio en 1562 non empezaron a actuar ata 1575, e prácticamente un século despois que no resto de España; o cal nos dá unha mostra da forte oposición á Inquisición no noso territorio.; e para sorte dos galegos da época, non era fácil que viñesen inquisidores, polo afastamento e distancia de Galicia e porque os seus membros non eran nada queridos nin apreciados.

(1)O termo alxama (do árabe ŷā ma’aʻ, «conxunto de persoas») en castelán foi tradicionalmente usado para referirse ao conxunto de xudeus ou mouros dunha localidade (especialmente ŷāma’ al-yahud, «conxunto dos xudeus»). En árabe, chámase ŷāmiʻ (castelanizado”aljama”)

¬ VER ARTIGO Os xudeus galegos (segunda parte)

 

Comparte!!!

Relacionados