Ourense asina en Madrid o protocolo para a súa participación na “Red de Destinos Turísticos Inteligentes”

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez asinou este mércores o protocolo que porá en funcionamento a “Red de Destinos Turísticos Inteligentes (Red DTI)”. Trátase dun proxecto promovido pola Secretaria de Estado de Turismo para transformar un sector no que cada día cobran máis peso as novas tecnoloxías e a interacción dos visitantes cos seus puntos de destino.

O rexedor asistiu en Madrid á convocatoria da ministra de Industria, Comercio y Turismo, María Reyes Maroto, para constituír os órganos de goberno da Red DTI: a Comisión Plenaria e a Comisión Executiva. Ademais, asinaron coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Oliver o protocolo para a Participación, impulso, apoio e promoción da “Red de Destinos Turísticos Inteligentes”.

“Con este proxecto continuamos coa nosa aposta por converter Ourense nun referente no uso das novas tecnoloxías no ámbito turístico, facilitándolles aos nosos visitantes a súa experiencia na nosa cidade e impulsando un desenvolvemento tecnolóxico que tamén beneficie aos nosos cidadáns no seu día a día”, sinala o alcalde de Ourense Jesús Vázquez.

Nesta liña destacou que “se trata dunha oportunidade para a creación de emprego e de negocios vinculados ao ámbito do turismo, que nos permitirán situar a nosa cidade no club dos destinos de viaxe conectados e innovadores”.

Trátase dun novo paso adiante no obxectivo do Concello para que Ourense forme parte dos destinos do turismo 4.0, nos que xoga un papel fundamental o uso das novas tecnoloxías. Segue na liña do proxecto “Ourense: Capital Termal Intelixente” aprobado na última convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España, e que conta cun orzamento de tres millóns de euros para converter a nosa cidade en referente nacional no uso das novas tecnoloxías en materia turística. A aprobación deste proxecto foi fundamental para a entrada de Ourense na Red DTI.

A Red DTI conta coa participación de 70 concellos e entidades provinciais e comarcais de toda España. Pretende que os destinos se convertan en espazos turísticos innovadores a partir dunha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que garanta o desenvolvemento sostible do destino turístico e que facilite a interacción do visitante coa súa contorna.

A través do protocolo subscrito este mércores, Ourense comprométese a promocionar esta Red DTI coa posta en marcha de iniciativas e actuacións que favorezan sinerxías, así como a transferencia de información e de coñecemento entre as cidades que participan no proxecto.

O obxectivo inmediato é incrementar a calidade da experiencia dos turistas, que cada vez empregan máis as novas tecnoloxías á hora de organizar e vivir as súas viaxes. Pero ao mesmo tempo aposta por aproveitar esta “revolución dixital” para mellorar a calidade de vida dos residentes nas cidades asociadas.

Con esta iniciativa preténdese fomentar a colaboración, o asesoramento, a busca de financiamento e de solucións tecnolóxicas e de estratexia; a investigación e difusión dos coñecementos que dean resposta ás necesidades dos destinos e o desenvolvemento dunha metodoloxía para transformar os destinos turísticos españois en destinos intelixentes. Tamén abre as portas á colaboración público-privada para o desenvolvemento de produtos e servizos turísticos.

A través deste proxecto Ourense colaborará con outros destinos integrantes da Red, buscando sinerxías e intercambiando experiencias e boas prácticas para trasladalas a nosa cidade.

Comparte!!!

Relacionados