Axenda Cultural para esta semana do Concello de Ourense

Música, teatro e actividades infantís son os eixos sobre os que pivota a oferta cultural do Concello de Ourense para esta semana. As actividades comezan este mesmo xoves con tripla convocatoria: Enclave de Cámara, Festival de Jazz e teatro para adultos. O venres, dobre ración de música (Música do Camiño e Bustamante) e teatro para bebés. E o domingo, día da Romaría do San Lázaro, haberá teatro infantil no Auditorio pola mañá, e actuación de Luis Piedrahita pola tarde.

  • Trío Arriaga – Enclave de Cámara

Xoves 4 de abril. 20:00 horas. Teatro Principal. Entradas: de 5 € a 8 €.

Volve o ciclo Enclave de Cámara coa música do Trío Arriaga (Juan Luis Gallego, violín, David Apellániz, violonchelo, e Daniel Ligorio, piano), o lugar de encontro de tres músicos de recoñecido prestixio e alí onde converxen as súas traxectorias solísticas. Con concertos nos mellores festivais europeos, os seus proxectos discográficos en solitario (máis de 25 álbums), e os múltiples galardóns conseguidos en concursos nacionais e internacionais de interpretación aválannos como un trío de referencia da súa xeración. Poderemos escoitar por ver primeira en Galicia a obra dun compositor galego vivo, Eduardo Soutullo (Le sourire de Isabelle H), cuxa presenza está confirmada. [Máis info]

  • Invisibles”, de Redrum

Xoves 4 de abril. 20:30 horas. Auditorio Municipal. Entradas: desde 5€.

Un espectáculo de creación colectiva a partir da novela homónima de Monste Fajardo, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. Dirixida por Marián Bañobre e protagonizada polas recoñecidas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, foi a gran trunfadora dos Premios de Teatro María Casares deste ano logrando as estatuíñas de Mellor Dirección, Mellor Adaptación e Mellor Iluminación. [Máis info]

  • Diego Amador Trio – Festival de Jazz Primavera 2019

Xoves 4 de abril. 23:00 horas. Café Latino. Entrada sen consumición: 15 euros.

Diego Amador (piano), Rafa Díaz (baixo), Diego Amador Jr (batería e percusión). Free jazz en estado puro. En 1994 publica o seu primeiro disco, Patita Negra. En 2009 compartiu escenario con Pat Metheny, durante o Festival de Jazz de Vitoria. Ao ano seguinte xirou por Andalucía co contrabaixista Charlie Haden. Soy de las 3000, editado en 2016 coa participación de Alejandro Sanz e Óscar de León é o seu disco máis biográfico.

  • Nube, nube, sol”. Teatro ao Cubo – Apego

Venres 5 de abril. 18:00 + 19:00 horas. Auditorio. Entrada: 3€ (crianzas gratis)

As nubes chegan. Chove. Sae o sol. A natureza esperta para encherse de cores. Ao amparo dos paraugas atoparemos agocho, bailaremos, cantaremos, e acompañados de pintorescos animais seremos parte da mesma paisaxe. A través do corpo, a xestualidade, o canto e a música, Teatro ao cubo achega á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre. Recomendada de 0 a 4 anos

  • Senhora del Mundo, de Camerata Piú Bassa – Música do Camiño

Venres 5 de abril. 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia. De balde.

Música profana e relixiosa do Renacemento. Francisco Luengo e Patricia Rivero (violas de gamba), Esperanza Mara (voz) e Eneas Freire (guitarra) son Camerata Più Bassa, un grupo de xente nova cunhas ideas claras e respectuosas coa interpretación con criterios historicistas. De balde até completar aforo, no marco do ciclo Música do Camiño.

  • David Bustamante

Venres 5 de abril. 21:30 horas. Auditorio Municipal. Entradas: desde 25’50 €

Co Tour Héroes está a percorrer toda España interpretando todos os éxitos da súa carreira e presentando “Héroes en tiempos de guerra”, cuxo primeiro single “Héroes” entrou directamente ao nº 1 en Itunes e roza co videoclip o millón de visitas no Youtube. Supón o regreso do Bustamante máis melódico e carismático, cun álbum no que se confirma unha vez máis como un dos artistas máis mediáticos do noso país.

  • Romaría do San Lázaro

Domingo 7 de abril, horario de mañá.

Durante o sábado 6 e domingo 7 de abril estarán instalados arredor do Parque de San Lázaro os tradicionais postos de rosquillas, lambetadas, abelás e produtos típicos destas festas. O domingo ás 11:45 horas haberá alborada cos gaiteiros Gomes Mouro e cabezudos polas rúas do Paseo, Santo Domingo e parque San Lázaro. Ás 13.00 horas será a Queima de Madamitas a cargo da Pirotecnia Josman.

  • Ummm!”, de Avento Teratro. Teatro infantil.

Domingo 7 de abril. 12:00 horas. Auditorio Municipal (Sala Azul). Entradas: 3€

Unha comedia musical para chuchar os dedos. A pastelaría de dona Remedios ten cada vez menos clientes porque a súa dependenta, Ana, só sabe facer boliños de crema. Para facer fronte a este problema, dona Remedios decide contratar un novo axudante con novas ideas para os doces que a xente está a demandar nestes días. Recomendado: de 3 a 8 anos.

  • Las amígdalas de mis amígdalas…” Luis Piedrahita

Domingo 7 de abril. 19:00 horas. Auditorio Municipal. Entradas: desde 15€

Un show de Luís Piedrahita pensado para xente esixente, aseada e con sentido do humor. Deste espectáculo díxose que é unha das obras máis enxeñosas, brillantes e poéticas do século XXI. Per se cadra foi o propio Piedrahita quen o dixo…

*Todas as entradas poden adquirirse en www.ataquilla.com ou unha hora (no Teatro Principal) ou dúas horas (no Auditorio) antes da función nos respectivos despachos de billetes.

Comparte!!!

Relacionados