A Axencia Galega de Infraestruturas ten redactado o proxecto para executar estas obras, valoradas en 1.711.280,51 euros, e centradas en mellorar o pavimento, os servizos municipais (saneamento, abastecemento, alumeado e tráfico), o viaducto e a sinalización, balizamento e defensas.
Esta vía de titularidade autonómica, a Avenida Marcelo Macías, é un eixo viario da cidade de Ourense que canaliza a comunicación desta co municipio veciño de Barbadás, sendo ademáis un punto de tráfico moi intenso por canalizar entradas e saídas cara a N-525.
O tramo de travesía urbano onde se vai actuar presenta en xeral un deficiente estado do firme da calzada e os itinerarios peonís non están dispostos acorde á lexislación en materia de accesibilidade. Por outra banda, os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación están obsoletos na súa meirande parte e precisan ser renovados e/ou reparados. Por estes motivos, e unha vez identificados os principais problemas desta vía, transmitidos con frecuencia por parte da veciñanza á Alcaldía, foi posto en coñecemento da Axencia Galega de Infraestruturas por parte do Goberno Municipal. Este departamento autonómico, dependente da Consellería de Infraestruturas que dirixe Ethel Vázquez, adxudicou a redacción do proxecto á empresa L2 Ingeniería y Consulting Galicia S.C.P.
En liñas xerais, as actuacións plantexadas neste proxecto son fundamentalmente a rehabilitación do firme da calzada, a reparación de pavimentos dañados de beirarrúas, a renovación de servizos obsoletos e en mal estado, a renovación da iluminación e a adaptación dos itinerarios peonís ás normativas de accesibilidade vixentes.