O Festival ‘Pórtico do Paraíso’ recibe o selo de calidade europeo 2019-2010. Ourense

O Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’, que celebra a súa décimo segunda edición do 15 ao 24 de marzo, acaba de recibir o Selo de Calidade Europeo EFFE Label 2019-2020. Así llelo fixo saber, este xoves 21, a secretaria xeral da European Festivals Association (EFA), Kathrin Deventer, aos responsables do Pórtico do Paraíso en nome do xurado internacional de EFFE (Europe For Festivals, Festivals For Europe).

O EFFE Label é o Selo de Calidade Europeo que se lles concede a aqueles festivais que amosan o seu compromiso no campo das artes, da participación comunitaria e da apertura internacional, e é unha iniciativa da Asociación de Festivais Europeos (EFA) apoiada por la Comisión Europea e polo Parlamento Europeo.

O festival ourensán presentara a candidatura para optar a este selo de calidade a finais de xaneiro, apoiándose nos informes elaborados pola coordinadora do festival e do seu director artístico, que recollían un resumo da súa traxectoria, datos de asistencia, grupos participantes nas once edicións celebradas e facendo especial fincapé no alto valor patrimonial dos lugares seleccionados ano tras ano para celebrar os concertos.

A misión da Asociación de Festivais Europeos (EFA) é unir e representar os festivais membros en toda Europa e no mundo contribuíndo á vida artística de Europa. Actúa como a plataforma máis importante para os festivais de todas as disciplinas artísticas. Ao apoiar e posibilitar a creación artística, a produción e a participación, a EFA e os seus membros garanten que o dereito de acceso á cultura se faga realidade para todos os cidadáns.

A Asemblea Anual da EFA terá lugar os días 15 e 16 de abril en Lisboa, acto ao que o festival Pórtico do Paraíso foi convidado pola dirección deste organismo europeo logo de lle outorgar esta importante distinción.

O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, organizado polo Concello e co organizado pola Deputación, entra agora na carreira para optar aos EFFE Awards que un xurado internacional outorgará en setembro de 2019.

Comparte!!!

Relacionados