Presentación das obras de restauración da Igrexa da Trinidade. Ourense

A presentación do proxecto de reforma tivo lugar este venres, nun acto que tamén contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira e o bispo da Diócese, Leonardo Lemos.

Na súa intervención, o rexedor destacou a importancia deste proxecto para “devolverlle o seu esplendor a un dos templos máis significativos da cidade, despois da Catedral, e todo un emblema do centro histórico Sur de Ourense”. Recordou que se trata dunha nova mostra de “cariño” por parte da Xunta co patrimonio artístico da cidade, e que este proxecto segue a estela das obras xa realizadas na Catedral, na Ponte Romana e nas Burgas.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou o carácter integral desta actuación que terá un orzamento superior aos 400.000 euros e explicou que o obxectivo da intervención consiste na execución dunha serie de actuacións que melloren a situación actual da edificación.

O pasado mes de novembro o alcalde de Ourense trasladáralle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a necesidade de seguir protexendo e preservando o riquísimo Patrimonio Histórico da nosa cidade, a través desta actuación así como da recuperación e posta en valor do Castro de San Tomé.

As zonas de actuación

As actuacións, que se realizarán a través da Dirección Xeral de Patrimonio, atenden a catro eixos fundamentais: resolver os problemas detectados na cuberta, nos muros e no interior do edificio; así como dar unha resposta aos problemas de degradación da pedra en diferentes partes do templo.

Na cuberta resolveranse problemas pola deformación da cuberta de madeira e eliminaranse os elementos da rede de evacuación de chuvias con elementos alleos á protección do monumento coma Ben Cultural (tela asfáltica, baixantes de PVC).

Nos muros  as obras minimizarán os problemas de humidade e lixo: a falta de encintados, revestimentos en mal estado realizados con morteiro de cemento e pintados con pintura impermeable). Tamén se eliminarán fungos e lixo baixo a crestería do edificio, na cabeza dos contrafortes, elementos saíntes da fachada e na cima da fachada e das torres.

Ademais se adecuará a instalación eléctrica á normativa vixente; procederase a recuperar a bóveda de barrotillo; eliminarase unha capa de pintura impermeable no interior do templo e procederase a mellorar os acabados interiores e a carpintería.

Por último atenderase aos problemas existentes na pedra: fracturas, degradación da superficie, zonas está a sufrir arenización, e vaise arranxar  a inclinación dos pináculos exteriores do templo.

Traballos a realizar

Para darlle solución a estes problemas detectados, o proxecto renovará as cubertas do edificio con tella cerámica curva, sobre placas de fibrocemento e renovará a estrutura de madeira existente na nave.

A protección contra a chuvia reforzarase coa colocación de novos canalóns e baixantes, conectadas a unha rede de evacuación horizontal soterrada (existente ou de novo trazado) e recuperaranse funcionalmente as gárgolas.

Realizarase unha limpeza da fachada e obras para a drenaxe e ventilación dos muros en contacto co terreo; saneado de paramentos interiores; restauración da crestería e realizaranse actuacións para recuperar a bóveda.

No interior, as actuacións completaranse coa colocación de novo pavimento de tarima de madeira de nogueira, a renovación da instalación eléctrica e unha nova iluminación de emerxencia, e traballos de carpintería, entre outras.

Comparte!!!

Relacionados