O Entroido de Bueu arranca este sábado, 23 de febreiro, cunha exposición e charla – coloquio en homenaxe dunha das figuras máis emblemáticas desta festa na vila: Silvino Dopazo “O Cimarrón”, quen fora fundador da comparsa As Pirilleiras no 1963.
Así, o historiador local Arturo Cidrás guiará no Centro Social do Mar un coloquio que falará da historia do Entroido en Bueu desde finais do século XIX ata hoxe, acompañado de fotografías e de referencias aos reis do Entroido, con figuras tan senlleiras como Manduca, Pepe Diz, Chapela, Eladio ou o mesmo Silvino. No coloquio, que se celebrará ás 21 h, tamén intervirán a familia do homenaxeado e membros das Pirilleiras e de Xarangallo Mangallo.
Previamente, ás 20.00 h, terá lugar a inauguración da exposición sobre a figura de Silvino Dopazo no Estaleiro da Banda do Río, na que se poderán ver as tradicionais letrillas, fotos do arquivo familiar, recortes de xornais da época…
Como se decidira no Comité de Entroido deste ano, a figura do fundador das Pirilleiras será lembrada ao longo de toda a programación que se estende ata o 10 de marzo. De feito, os actos de homenaxe culminarán o mesmo día do Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro cando, previamente á entrega de premios, se entregará un agasallo á familia.
Celso Dopazo, fillo do homenaxeado, destacou na rolda de prensa do pasado martes que “é unha homenaxe que xa merecía moitos anos antes porque o Entroido de Bueu vai asociado sempre co nome de Silvino”, aspecto que tamén salientou o alcalde da vila, que mostrou o orgullo de todo o goberno local por recuperar as tradicións e “por homenaxear a persoas que coas súas accións tamén nos van modelando como pobo”.