O Concello de Pontevedra organiza un acto na parroquia de Salcedo para presentar a web dogrisaovioleta.gal do programa A Memoria das Mulleres. Baixo o título Salcedo na web dogrisaovioleta, o evento terá lugar este xoves 7 de marzo, ás 19.00 horas, no Centro Social de Salcedo Casa Verde, no lugar da Igrexa.
Este acto é o primeiro dunha serie de actividades que teñen como finalidade presentar a web dogrisaovioleta.gal nas diferentes parroquias do concello, nos centros educativos e nos barrios.
A web dogrisaovioleta.gal recolle o labor de investigación que se veu realizando no programa A memoria das mulleres, un proxecto impulsado pola Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra e que ten como obxectivo encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial.
Como divulgadora dos resultados recollidos nos cinco anos de existencia do proxecto A memoria das mulleres, a páxina web estrutura os seus contidos nos tres ámbitos de estudo do programa: Represaliadas e resistentes, Traballadoras e Creadoras e pioneiras. A partir destes eixos temáticos organízanse as historias de vida na sección Biografías e as experiencias e relatos na de Temas.
Ademais a web conta cunha importante galería fotografía que recolle as fotografías e vídeos realizados no proxecto; unha sección de Publicacións na que se poden descargar as publicacións do programa; unha sección de Espazo público, coa que se queren visibilizar as accións que o Concello de Pontevedra impulsa de cara a favorecer a presenza das mulleres no espazo público; e unha sección de Novas na que se mantén a actualidade do proxecto.
Salcedo na web dogrisaovioleta Coa celebración deste acto preténdese, por un lado, dar a coñecer a web e os seus contidos á veciñanza da parroquia de Salcedo e, por outro, destacar toda a información que se recolle na web relativa á parroquia. É o caso das biografías de Elvira Lodeiro ou Consuelo Acuña Iglesias, asasinadas polo franquismo durante o que se coñece como os sucesos de Salcedo; ou os temas relacionados cos conflitos na parroquia durante a segunda metade do século XX en diante: a construción da autoestrada do Atlántico, a apropiación dos montes veciñais por parte das institucións ou a instalación da Brilat nos montes veciñais.