‘Wikimaraton’ en Ourense, para incluír na Galipedia biografías de mulleres galegas

A Biblioteca Pública de Ourense acolle este sábado 9 de marzo, a segunda edición do ‘Wikimaratón’ para introducir na Galipedia biografías de mulleres galegas. A actividade, enmarcada no programa do Día da Muller e coincidindo co 16 aniversario da Galipedia, está aberta a toda a cidadanía e pretende pór en valor a figura de mulleres destacadas en diferentes ámbitos que non teñen a merecida referencia na enciclopedia galega en liña.

A Biblioteca Pública porá ao servizo de todas as persoas que queiran anotarse ao wikimaratón ordenadores e fondos bibliográficos.

Así, desde as 10.30 horas, todas as persoas que se queiran apuntar á edición da Galipedia poderán presentarse na propia Biblioteca (rúa Concello 11) ou facelo a través das súas casas, para encher a biografía das mulleres propostas ou realizar as súas propias achegas. Entre os nomes propostos pola Galipedia para incluir información ou ampliala destacan personaxes como Inés de Castro, Josefina Fernández Mosquera, Ana Legido Soto ou as ourensás Montse Calleja, Rosa María Cid Galante, Wasthy Conde ou Pilar Wirtz Molezún, entre outras.

Para participar no Wikimaratón, só hai que anotarse na Galipedia para poder editar e seguir as indicacións descritas no espazo web (http://ir.gl/be673b).

Ademais de impulsar a presenza feminina na Galipedia, entre os obxectivos desta actividade  destacan o de visibilizar á comunidade da Wikipedia, favorecer o contacto entre os seus membros e facilitar novas incorporacións.  Por iso a actividade inclúe unha sesión introdutoria á edición básica, así como actividades divulgativas.

A xornada comezará ás 10:30 horas, cun obradoiro de iniciación para que os participantes aprendan a subir artigos a Galipedia. A partires das 11:30 horas terá lugar o wikimaratón de artigos, que rematará ás 13:30 horas.

Comparte!!!

Relacionados